Skip to main content

A RIET e os catro Parlamentos da fronteira analizan a posta en marcha da Interparlamentaria

A RIET e os catro Parlamentos da fronteira analizan a posta en marcha da Interparlamentaria

Reuniuse en Plasencia cos presidentes dos parlamentos de Galicia, Estremadura, Andalucía e Castela e León

 O comité director da RIET mantivo unha reunión o día 13 de xullo en Plasencia co Consello Consultivo de Fronteira e os presidentes dos Parlamentos de Galicia, Estremadura, Andalucía e Castela e León. O encontro enmárcase na proposta de creación da Comisión Interparlamentaria integrada polos catro parlamentos de comunidades fronteirizas con Portugal, unha comisión que podería estar integrada tamén por representantes dos demais parlamentos nacionais,  así como eurodeputados. O obxectivo da Comisión Interparlamentaria é exercer unha acción de lobby en defensa dos intereses dos cidadáns das fronteiras dos dous países.

A Interparlamentaria, xunto co xa existente Consello Consultivo de Fronteira, configuraría toda a arquitectura estratéxica de lobby para a defensa dos intereses da fronteira hispano-portuguesa, liderada pola RIET.A previsión é que polo menos unha vez ao ano se desenvolva unha sesión conxunta dos membros da RIET, do consello consultivo e os deputados para debater e analizar as propostas que serán canalizadas para que formen parte da axenda do Cume Ibérico ou mesmo da Unión Europea, se procede.

A reunión, cunha duración aproximada de tres horas, resultou moi frutífera para os asistentes, que valoraron a constitución da Interparlamentaria como unha ferramenta útil e comprometéronse a formalizar a súa resposta para a posta en marcha en torno ao mes de setembro.

Previamente a este encontro celebrouse unha reunión conxunta entre o comité de dirección da RIET e o consello consultivo para analizar as conclusións do pasado Cume Ibérico, que cualificaron de decepcionantes en canto a resultados pero esperanzadores en canto ás liñas de traballo que se abriron.