Skip to main content

Braga da Cruz e Román Rodríguez, no programa Hoy por Hoy de Radio Vigo

Braga da Cruz e Román Rodríguez, no programa Hoy por Hoy de Radio Vigo

O ex ministro e o conselleiro participaron no programa presentado por Jacobo Buceta

O programa mensual sobre a Eurorrexión que emite a Cadena Ser, Localia Televigo e Antena Minho abordou nesta ocasión a temática cultural con dous invitados de primeiro nivel: o ex ministro portugués Luís Braga dá Cruz, que actualmente é o presidente do Consello Fundador da Fundación Serralves, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Román Rodríguez.

Durante o programa ambos os invitados coincidiron na importancia que o patrimonio cultural ten para os territorios non só polo valor desta riqueza en si mesma senón tamén polo retorno económico que é capaz de xerar.
Aspectos como o turismo cultural, o camiño de Santiago ou mesmo a candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade da Unesco foron abordados durante o programa, no que os responsables culturais coincidiron na necesidade de contar con plans de xestión que inclúan a concienciación da cidadanía sobre o valor dos recursos culturais que posúe un territorio.

Ademais, tamén puxeron en valor a cooperación existente entre Galicia e o norte de Portugal, con exemplos no ámbito universitario como o Campus do Mar ou as bolsas Iacobus.