O roaming finaliza o 15 de xuño na UE para viaxeros, traballadores e habitantes transfronteirizos
O secretario xeral do Eixo Atlántico destaca que "se se quere, pódese" e subliña que "o concepto de uso abusivo sobre o que estabamos vixiantes respecta as necesidades dos viaxeiros e dos traballadores e habitantes das fronteiras"
O próximo 15 de xuño entrará en vigor a normativa europea pola que se pon fin á tarifa móbil en itinerancia, máis coñecida como roaming, pola que un usuario de telefonía móbil soportaba un custo extra cando utilizaba o seu teléfono no estranxeiro (para servizos de voz ou datos). Este feito supón un dos maiores avances da UE nos últimos anos.
Trátase dun éxito de entidades como o Eixo Atlántico ou a RIET, que lideraron conxuntamente coas asociacións de consumidores e co importante apoio dos medios de comunicación, unha campaña para loitar polo fin de roaming, representando a voz e os intereses dos cidadáns, non só dos que viaxan a miúdo pola UE senón tamén (e moi especialmente no caso do Eixo Atlántico) dos que viven na fronteira e/ou a cruzan cada día. A campaña, que obtivo máis de 100.000 firmas en menos dun mes a través da plataforma change.org, contribuíu a lograr o obxectivo marcado, xa que supuxo un forte respaldo cidadán á Comisión Europea nas negociacións.
A este respecto, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou que “se se quere, pódese” e valorou moi positivamente a desaparición do roaming na medida na que non só desaparece para os cidadáns que se despracen dentro da Unión senón que “o concepto de uso abusivo sobre o que estabamos vixiantes respecta as necesidades dos viaxeiros e tamén preserva os intereses dos traballadores transfronteirizos e habitantes das fronteiras, un aspecto sobre o que o Eixo alertara especialmente á Comisión Europea”
Criterios de aplicación
A continuación, detallamos os criterios de aplicación da normativa a partir do 15 de xuño:
-Aplícase aos usuarios en tránsito (viaxes de negocio/lecer; traballadores transfronteirizos). A norma xeral é que mentres pases máis tempo no teu territorio nacional que no estranxeiro, podes usar o teu móbil no estranxeiro a prezos nacionais. Para evitar abusos que distorsionen a competencia, estableceuse como referente o período de 4 meses consecutivos para aplicar esta norma. É dicir, se en 4 meses consecutivos unha persoa está máis no seu territorio nacional que no estranxeiro, pode usar o seu móbil coa tarifa nacional contratada.
-Se o operador detecta algunha anomalía/uso indebido deberá notificalo ao usuario antes de aplicar ningunha recarga. Ante unha comunicación deste tipo, o usuario disporá de 15 días para achegar as explicacións oportunas. Se estas non son satisfactorias, entón o operador poderá aplicar unha recarga sobre o consumo:
-3,2 céntimos/min para as chamadas de voz
-1 céntimo por SMS
-Un máximo de 7,7 ?/Gb en 2017. Esta tarifa decrecerá anualmente (ex. Serán 6/Gb en 2018 e 4,5/Gb en 2019)
-Como norma xeral, aplícanse as mesmas condicións que na tarifa nacional excepto no caso do consumo de datos ilimitado ou a prezo moi baixo (inferior ao prezo que se aplican entre operadores). Nestes casos os operadores poderán aplicar algunha restrición ao consumo. Isto é:
-Chamadas e SMS ilimitados en territorio nacional => chamadas e SMS ilimitados en roaming
-Datos ilimitados ou a custo moi baixo (en 2017 inferior a 7,7?/Gb) => os operadores poderán aplicar un límite que se calcula:
2*(prezo tarifa SEN IVE/7,7 en 2017) = Gb dispoñibles en roaming
En todo caso, se o operador aplica este límite deberá notificalo por adiantado ao usuario e tamén deberá avisarlle cando alcanzase o límite imposto. En ausencia de notificación, o usuario poderá dispor no estranxeiro de todos os datos contratados a nivel nacional.
-Os datos, SMS e chamadas realizadas no estranxeiro computan dentro do límite das tarifas. Isto é, se unha tarifa inclúe 6Gb e no estranxeiro utilízanse 4Gb, estes se detraen do total dispoñible ese mes dentro de territorio nacional.
-No caso das tarifas pre-pago, estas beneficiaranse igualmente da eliminación do roaming nos seguintes termos:
-Chamadas e SMS ao prezo nacional contratado (e ilimitado se é o caso)
-Datos. En 2017, se o prezo por Gb é inferior a 7,7?/Gb aplicarase un límite que se calcula da seguinte maneira:
(crédito existente sen IVE na SIM no momento da saída ao estranxeiro/7,7) = Gb dispoñibles en roaming
Situacións particulares: traballadores transfronteirizos, habitantes das zonas de fronteira e estudantes Erasmus e voluntarios europeos
-Traballadores transfronteirizos. Trátase de persoas que a diario cruzan a fronteira por motivos laborais. De non contemplar o seu caso concreto, ao cabo de 4 meses podería resultar que pasan máis tempo no estranxeiro que no seu territorio nacional, o que lles privaría de beneficiarse das tarifas nacionais no estranxeiro. Para evitar que isto sexa así a normativa prevé que a condición de que un usuario se conecte á rede nacional polo menos unha vez ao día, aínda que ese mesmo día fixese uso do roaming, ese día non computa como un día no estranxeiro. Non importa que pasase parte do día no estranxeiro. En termos prácticos: os traballadores transfronteirizos poderán beneficiarse das tarifas nacionais no estranxeiro no seu día a día.
-Habitantes das zonas de fronteira. Seguen a mesma norma establecida para os traballadores transfronteirizos: se se conectan á rede nacional polo menos unha vez, ese día non computa como día no estranxeiro.
Ademais, nestes casos o operador debe informar o usuario a maneira de evitar que a súa rede sexa invadida por un operador estranxeiro.
-Erasmus e voluntarios europeos. Son un caso especial porque se trata de estancias longas no estranxeiro (normalmente máis de 4 meses consecutivos) pero puntuais. Para estes casos, o fin do roaming non é unha realidade. Ao tratarse de estancias de máis de 4 meses, os desprazados (sexan estudantes ou traballadores no estranxeiro) deberán facerse cunha SIM do seu país de acollida. Pola contra, pasados 4 meses en uso, o seu operador de orixe cobraríalles roaming.
Considérase que durante estancias superiores a 4 meses, o vínculo estable é co país de acollida, non co de orixe.
Por exemplo: un estudante Erasmus en Francia deberá comprar unha SIM francesa e usala (tamén cando viaxe fóra de Francia) durante o tempo que resida nese país, se quere beneficiarse da non tarificación extra por roaming.
Isto é así porque durante o período de Erasmus (sempre que sexa superior a 4 meses) o estudante non está a vivir no seu país de orixe e a política de roaming non prevé actuacións respecto ao roaming permanente.
Aínda que a nova situación a partir do 15 de xuño, supón un éxito e responderá as expectativas en termos xerais, o secretario xeral do Eixo considera que as cláusulas para evitar un uso abusivo do roaming, impostas polas operadoras, “son un subterfuxio para manter o corralito nacional das grandes operadoras e impedir un mercado único europeo das comunicacións”. Isto demóstrase co feito de que precisamente estas cláusulas impedirán beneficiarse da eliminación do roaming aos traballadores desprazados temporalmente dentro da UE e os estudantes Erasmus (contra o previsto inicialmente). Neste marco, indicou que unha vez conseguida a eliminación do roaming, agora o seguinte obxectivo será a supresión destas cláusulas para mellorar a competitividade, os prezos e os servizos da telefonía móbil.