O Eixo Atlántico presenta á CE a primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Europa
Vázquez Mao explicou o documento elaborado a Judit Torokne, responsable de Política Urbana
O secretario xeral do Eixo Atlántico mantivo unha reunión con responsables de Política Urbana e Rexional da Comisión Europea para presentarlles a que constitúe a primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Europa.
Durante o encontro, Xoán Vázquez Mao explicou o documento elaborado a Judit Torokne, responsable de Política Urbana na Comisión Europea e a Olivier Baudelet, responsable da Axenda Urbana Europea na Comisión Europea e Nicolas Garbhi, membro do seu equipo e especialista en desenvolvemento urbano e territorial, encargado do seguimento en España. Todos mostraron o seu interese por Axenda Urbana do Eixo Atlántico, un documento coordinado polos profesores Luís Domínguez Castro e Martín Fernández Prado, onde se establecen as prioridades para o desenvolvemento das cidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para os próximos 10 anos.
O documento presentado á Comisión Europea integra xa as conclusións do debate celebrado en xuño nun congreso en Braga. En concreto, durante o debate abordáronse os eixos concretos de actuación da axenda urbana:
-Sistema urbano organizado: o novo territorio
-A cidade competitiva: crecemento e emprego
-A cidade integradora e participativa: a nova sociedade
-A cidade ecolóxica: o desafío da sustentabilidade
-Municipios eficientes: a nova administración
Trátase do resultado de case dous anos de traballo no que coexistiron o traballo académico coa participación das cidades e os axentes sociais do territorio. Agora ábrese unha nova etapa para lanzar o plan de acción o próximo ano, que identificará accións concretas a implementar polas cidades, a partir das necesidades e estratexias que define o documento debatido.