As cidades atlánticas reclamaron maior peso na política comunitaria
O Eixo atlántico do Noroeste peninsular vén de participar nunha xornada celebrada na Coruña arredor dos Desafíos das cidades atlánticas na véspera do Brexit -organizada pola Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, o Comité das Rexións e o propio Concello da Coruña.
Este foro, no que o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, abordou a renovación de zonas urbanas e innovación desde o punto de vista do desenvolvemento sostenible, serviu tamén para que as cidades atlánticas reclamasen máior peso na política comunitaria.
Durante a inauguración do foro o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como o seu homólogo do municipio portugués de Viana do Castelo, José María Da Cunha Costa, apelaron á coordinación entre estas cidades.
Da Cunha explicou que estes municipios deber ser aliados e traballar xuntos en cuestións como a Axenda Urbana Europea, así como na defensa da necesidade de crear sinerxías entre os portos e as cidades.
Pola súa banda, o alcalde da Coruña defendeu que a estratexia pasa por impulsar un modelo cooperativo. Especialmente, incidiu en cuestións como a auga como dereito e factor de desenvolvemento sustentable ou a participación cidadá.
Na mesma liña, o membro do Parlamento europeo Alain Cadec, defendeu pór en valor as cidades atlánticas e non reducir a estas a dimensión marítima. Por outra banda, sinalou que, polo Brexit, non se debe deixar caer o construído en Europa e indicou que hai que transformar ese desafío en oportunidade.