Celebrada unha reunión previa á asemblea xeral da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET, que ten lugar hoxe en Cáceres.
O presidente da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, José Maria Costa e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, mantiveron onte unha reunión cos presidentes dos consellos económicos e sociais de Estremadura e Castela e León en Cáceres, durante a que abordaron asuntos de interese como a situación do tren no oeste peninsular e a crise demográfica.
O encontro precede á asemblea xeral extraordinaria que hoxe se celebra no Complexo Cultural San Francisco, coa presenza do Secretario de Estado de Política Territorial, Ignacio Sánchez Amor.
A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas de Cooperación (RIET) é un proxecto nado en 2009, constituído en Cáceres por organizacións municipais, empresariais e educativas da fronteira de España e Portugal. A RIET foi creada co obxectivo de promover a cooperación transfronteiriza, o desenvolvemento socio-económico nos territorios fronteirizos e de establecerse como unha soa comunidade de interese ante os gobernos de España, Portugal e Unión Europea.