Manuel Dios, Jose Pinto e Vázquez Mao participaron no programa mensual
O ámbito educativo foi abordado no programa mensual que Radio Vigo Grupo de Comunicación dedica á Eurorrexión a través do programa “Hoy por Hoy” da Cadena Ser e Localia Televigo, que tamén emite Antena Minho.
Nesta ocasión, o debate presentado por Jacobo Buceta contou coa participación do concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios; Jose Pinto, Xefe do Servizo de Educación de Vila Real e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.
Durante o debate abordouse o comezo do curso escolar neste mes de setembro. Manuel Dios, que tamén é o presidente do Grupo Temático de Educación do Eixo Atlántico, destacou que este ámbito, xunto co da sanidade, son os sectores máis sensibles da sociedade e que non deben sufrir recortes. Ao respecto, subliñou a sintonía na colaboración coa Xunta á hora de abordar as competencias comúns no ámbito da educación.
Ademais, Dios puxo en valor o compromiso existente para poñer en marcha o vindeiro curso os intercambios escolares na cidades do Eixo, un modelo que xa funciona, segundo explicou, en moitas cidades Patrimonio da Humanidade. Así como a disposición dos concellos de Braga e Santiago de organizar conxuntamente a Capital da Cultura do Eixo de 2020.
Pola súa banda, Jose Pinto, indicou que os cartos que se empregan en educación non deben considerarse un gasto, senón un investimento. Ademais, Pinto explicou que neste curso os rapaces de Vila Real recibirán información sobre o que é o Eixo Atlántico, para afianzar así os lazos con toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Unha destas iniciativas que contribúen ao fortalecemento da Eurorrexión é a Mostra musical de Novos Intérpretes, que no vindeiro mes de maio terá lugar en Vila Real.
Nesta liña, o secretario xeral do Eixo Atlántico destacou a importancia de educar os rapaces da Eurorrexión nesa cultura común a ambos lados da raia, amosando aos cidadáns do futuro que somos a mesma xente, con case a mesma lingua, “porque se son educados nesta cultura poderemos acabar cos localismos e cos populismos”, indicou.