A cooperación territorial europea e a política de cohesión: Medidas para concretar as propostas en defensa da política europea de cohesión
No contexto das negociacións sobre o próximo orzamento europeo plurianual post 2020 o Eixo Atlántico promoveu a elaboración dun documento no que se lanzaban dez mensaxes crave que as cidades consideran que deben terse en conta na dotación da Política de Cohesión post 2020 e na definición das súas actuacións.
Tras a boa acollida que ese documento tivo por parte da Comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, no mes de xaneiro, a rede C4C, da que forma parte o Eixo Atlántico, profundou na súa reflexión e presenta agora as medidas de natureza regulamentaria e normativa que concretan as propostas iniciais.
Estas medidas para a concreción das propostas da plataforma C4C preséntanse de forma esquemática, acompañadas da identificación das disposicións regulamentarias en vigor que deberían modificar. Estas medidas, segundo pódese ver no documento, agrúpanse en catro categorías: visión estratéxica, gobernación, financiamento e xestión e control.
Entre as medidas propostas para unha cooperación territorial europea reforzada destacan:
- Definir unha estratexia común de cooperación territorial destinada a reforzar a cooperación territorial europea e os seus obxectivos estratéxicos no novo marco financeiro post 2020, como ferramenta principal para a consecución do mercado único.
- Dotar á cooperación territorial de máis recursos financeiros, asegurando, como mínimo, que se duplica a dotación actual.
- Promover unha maior sinerxía entre a cooperación territorial europea e os programas sectoriais. Os programas de cooperación non deberán apoiar accións elixibles nos programas sectoriais senón que, ao contrario, estes deben contemplarse como laboratorios de desenvolvemento da política rexional e facultar unha porcentaxe mínima da súa dotación orzamentaria para os obxectivos de cooperación territorial.
- Impulsar a creación dun Foro Europeo da Cooperación Territorial, integrado polas principais entidades creadas a escala europea para a cooperación territorial con natureza xurídica e actividade permanente e destinado a realizar avaliacións anuais da cooperación territorial europea nas diferentes áreas.
- Comezar a elaboración dos programas de cooperación pola definición dun comité de acompañamento que participe no programa desde a definición da súa estratexia e obxectivos. Resulta esencial reforzar a participación dos stakeholders do territorio na definición, implementación e acompañamento dos programas.
- Simplificar os procedementos relativos ao recoñecemento das AECT e prever a posibilidade de conversión en AECT de entidades con personalidade xurídica xa constituídas.
- Simplificar os procedementos de xestión, información e pago dos programas, garantindo ao tempo a articulación de mecanismos de pre-financiamento significativos que estimulen a participación das organizacións con menos capacidade financeira.
C4C
C4C-cidades para a cooperación, é unha plataforma europea creada para defender a importancia da Política de Cooperación Territorial para o desenvolvemento dos territorios de fronteira e, por tanto, reclamar unha dotación adecuada no próximo marco financeiro plurianual.
As redes que integran C4C son: RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas), CCAA (Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, MedCities (cidades da conca Meditárrenea) e FAIC (Foro de Cidades do Atlántico e do Jónico).