Skip to main content

Fronteira da Paz Sustentável, proxecto transfronteirizo entre Brasil e Uruguai, crea a súa primeira Axenda Urbana Binacional adaptando o modelo do Eixo Atlántico

Fronteira da Paz Sustentável, proxecto transfronteirizo entre Brasil e Uruguai, crea a súa primeira Axenda Urbana Binacional adaptando o modelo do Eixo Atlántico

Fronteira da Paz avanza no desenvolvemento das actuacións conxuntas: elaboración da Axenda Urbana Binacional, creación dun plan de modernización da xestión de residuos con inclusión social e a organización do Primeiro Gabinete Binacional Transfronteirizo do Mercosur, inaugurado o pasado mes de marzo

A Unión Europea aprobou en 2020 un proxecto proposto polo Eixo Atlántico no cal participa a Prefeitura de Santana do Livramento, Brasil, para promover a aplicación de prácticas de economía circular na xestión dos residuos sólidos urbanos, e que asente nunha abordaxe de economía social e de inclusión social innovadora, orientada para a dignificación e valorización da intervención dos sectores poboacionais máis desfavorecidos e vulnerables, baixo a denominación "Fronteira dá Paz Sustentável".

Santana do Livramento, no estado Río Grande do Sur, en Brasil, e Rivera, no departamento de Rivera de Uruguai, configuran unha cidade única de máis de 191 mil habitantes. Estes municipios, a pesar de facer vida en común, non poden compartir servizos ou investimentos debido á ausencia dun marco xurídico como os existentes na Unión Europea.

O proxecto pretende tamén mellorar o goberno do continuo urbano de Santana do Livramento e de Rivera, promovendo unha cidadanía activa, a través dunha Axenda Urbana baseada nunha metodoloxía participativa e aberta, beneficiando da experiencia do Eixo Atlántico na concepción e consolidación da primeira axenda urbana transfronteiriza de toda a Unión Europea.

Ademais, están a avanzar conxuntamente na creación dun plan de modernización da recollida de residuos complementado con accións de carácter social para a profesionalización da citada recollida de residuos sólidos, tarefa xeralmente exercida polas poboacións en situación de pobreza.

A acción desenvólvea a Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico cuxos expertos asesoran ás autoridades locais na modernización da xestión de residuos sólidos. Estas accións insérense no contexto das estratexias de internacionalización que o Eixo Atlántico está a desenvolver para situarse, tanto en América Latina como en Asia, e para impulsar a trasferencia de coñecemento e de boa práctica de cidades europeas e dos expertos galegos e portugueses que participan no proxecto.

Os obxectivos políticos do proxecto son estruturar a zona social de comercio libre Santana-Rivera en referencia á integración do Mercosur; lanzar unha experiencia de desenvolvemento local conxunto a través da integración; organizar o primeiro Congreso de Fronteiras de Mercosur e identificar reformas e marcos legais que poidan ser promovidos polo parlamento do Mercosur.

Primeira oficina de cooperación transfronteiriza do Mercosur

O pasado mes de marzo, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, xunto coa Prefeita de Santana do Livramento, Brasil, e o Intendente de Rivera, Uruguai, inauguraron o primeiro Gabinete Transfronteirizo do Mercosur en Santana.No acto tamén participaron numerosas autoridades e dirixentes de organizacións sociais e económicas de ambas as cidades.