
Eixo Atlántico, RIET, OCU e DECO, comezan unha campaña para pedir o fin do roaming en decembro de 2015
O Eixo Atlántico, a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas - RIET, a Organización de Consumidores e Usuarios de España – OCU e a Asociación Portuguesa para a Defensa do Consumidor – DECO, có apoio da Organización Europea dos Consumidores – BEUC, lanzan conxuntamente unha campaña a nivel europeo de recollida de sinaturas dixitais en apoio á posición do Parlamento Europeo respecto á eliminación do roaming telefónico a partir de decembro de 2015.
A campaña, lanzada baixo o lema “Zero Roaming” - www.change.org/zeroroaming, quere mobilizar aos cidadáns contra un inxustificado sobrecusto que atenta contra o Mercado Interior europeo, afecta aos dereitos dos cidadáns, e constitúe a derradeira fronteira de Europa.
O problema do roaming afecta a unha gran parte da poboación europea. Este non é un problema exclusivo de turistas, senón tamén de estudantes no estranxeiro, empresarios, traballadores desprazados e cidadáns que habitan nas poboacións das fronteiras internas da Unión Europea.
O roaming constitúe a derradeira fronteira de Europa, cun impacto moi negativo para os cidadáns en especial sobre a economía e os traballadores da fronteira. Por iso, a Comisión Europea propuxo a súa eliminación e o Parlamento Europeo a ratificou, concretando a súa desaparición o 15 de decembro de 2015. Lamentablemente, a posición dos Estados membros, especialmente a dos Estados do sur de Europa como España e Portugal, freou a proposta do Parlamento, antepondo os intereses das operadoras aos dos cidadáns e pretende retrasar de maneira inxustificada a eliminación do roaming ata o ano 2018.
Coincidindo coa reunión entre Parlamento, Comisión e Estados membros na que deben avanzar substancialmente as negociacións sobre esta cuestión, con vistas a acadar un acordo antes de verán, as organizacións promotoras lanzan esta campaña para que os cidadáns fagan oír a súa voz a favor da petición do Parlamento Europeo e que o roaming desapareza canto antes.
Para as organizacións que convocan a desaparición do roaming é un exemplo máis de como as grandes empresas impoñen os seus intereses particulares en detrimento dos dereitos dos cidadáns e en contra das decisións das institucións que os representan. Por isto piden aos cidadáns o seu apoio para esixir o cumprimento da proposta do Parlamento Europeo e a desaparición do roaming en decembro de 2015
PROMOTORES DA CAMPAÑA
Eixo Atlántico é a entidade transfronteiriza que agrupa ás 38 principais cidades e entidades da Eurorrexión Galiza –Norte de Portugal. Creada fai máis de 20 anos, traballa no desenvolvemento e potenciación do sistema urbano das cidades do territorio.
www.eixoatlantico.com
A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET, agrupa a 32 membros entre entidades locais, empresariais e universidades de toda a fronteira hispano portuguesas. Representa os intereses de máis de 12 millóns de habitantes e do millón de empresas asentadas no territorio con un PIB de 188 millóns de Euros.
www.rietiberica.eu
OCU. A Organización de Consumidores e Usuarios de España (OCU) é unha asociación privada independente e sen ánimo de lucro que naceu en 1975 para promover os intereses dos consumidores e axudarlles a facer valer os seus dereitos. Os seus máis de 350.000 socios son os que, coas súas cotas, financian as actividades da organización. A OCU orienta o seu traballo á constante mellora das condicións de vida dos consumidores e usuarios.
www.ocu.org
DECO.Fundada en 1974, a Associação Portuguesa para a Defesa do Consumidor, DECO conta con máis de 400.000 asociados: Entre os seus obxectivos figuran a de informar e formar aos consumidores, mediar en conflitos entre estes e as empresas e institucións e reivindicar a adopción ou a alteración das lexislacións para a protección dos intereses dos consumidores
www.deco.proteste.pt/