Skip to main content

XV Xogos do Eixo Atlántico distinguidos como “Evento Deportivo do Ano” na X Gala do Deporte de Famalicão

XV Xogos do Eixo Atlántico distinguidos como “Evento Deportivo do Ano” na X Gala do Deporte de Famalicão

Os XV Xogos do Eixo Atlántico foron distinguidos co premio de “Evento Deportivo do Ano” na X Gala do Deporte de Famalicão, celebrada este sábado no Pavillón Municipal. O galardón recoñece o impacto e a excelencia organizativa deste evento transfronteirizo, que reuniu centos de mozos atletas de Galicia e do Norte de Portugal.

O premio foi recibido por Luís Nobre, Presidente do Eixo Atlántico, que destacou a importancia dos Xogos como símbolo de cooperación e unión entre os dous territorios. 

Na categoría “Evento Deportivo do Ano”, os XV Xogos do Eixo Atlántico superaron as nominacións Famalicão Danza 2024 e Meia Maratona de Famalicão 2024. A elección resultou da votación pública e da decisión do xurado da gala, promovida pola Cámara Municipal de Famalicão.

Con esta distinción, os Xogos consolídanse como unha das competicións máis relevantes do calendario deportivo luso-galaico e un exemplo de integración e amizade entre as comunidades de Galicia e do Norte de Portugal.

Xogos do Eixo Atlántico – 2024

A XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico rematou en Braga e Vila Nova de Famalicão coa maior participación da súa historia. Durante cinco días, 2400 mozos atletas de 27 delegacións —18 portuguesas e 9 galegas— competiron en oito modalidades deportivas, incluíndo balonmán, fútbol 7, voleibol, baloncesto, natación, natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado. O evento, concluído o 5 de xullo coa entrega de trofeos ás delegacións gañadoras, contou coa presenza de cidades como Braga, Ourense, Guimarães, Vigo e Santiago de Compostela, reforzando os lazos deportivos e culturais entre Portugal e Galicia.