Vilalba recibe ao alumnado de Santa Maria da Feira nunha xornada de intercambio dentro do programa do Eixo Atlántico
A actividade combina convivencia escolar, descubrimento do patrimonio local e experiencias educativas innovadoras para fomentar a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal
O municipio de Vilalba foi escenario dunha xornada de convivencia e intercambio educativo na que participou alumnado procedente de Santa Maria da Feira, no marco do programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico, en colaboración co CEIP Terra Chá de Román. 
A actividade comezou coa recepción oficial no Concello de Vilalba, onde a alcaldesa, Marta Rouco, deu a benvida ao grupo visitante. Tras este acto institucional, o alumnado desprazouse ao centro educativo, onde se produciu a presentación e o encontro co alumnado anfitrión. Durante a mañá e o mediodía, compartiron diversas actividades de convivencia que favoreceron o coñecemento mutuo e o fortalecemento dos lazos entre ambos territorios.
Pola tarde, o programa continuou cunha visita á Queixería Don Crisanto, onde o alumnado puido coñecer o proceso tradicional de elaboración do queixo e degustar os seus produtos. Posteriormente, realizaron un percorrido polo patrimonio histórico de Vilalba, incluíndo a visita á Torre dos Andrade, e participaron nunha escape room analóxica na Praza de Santa María, unha actividade deseñada para achegar a historia local dun xeito dinámico e participativo.
Esta xornada de intercambio permitiu amosar o patrimonio cultural, histórico e gastronómico de Vilalba, ao tempo que reforzou a convivencia, o respecto mutuo e a amizade entre o alumnado galego e portugués, consolidando o espírito de cooperación educativa promovido polo programa do Eixo Atlántico.
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/vilalba-recibe-ao-alumnado-de-santa-maria-da-feira-nunha-xornada-de-intercambio-dentro-do-programa-do-eixo-atlantico#sigProIdfe16eb56ac