Skip to main content

Vilalba acolle os días 23 e 24 de maio a IX Mostra Musical do Eixo Atlántico

Vilalba acolle os días 23 e 24 de maio a IX Mostra Musical do Eixo Atlántico

O evento reunirá a máis de 100 nenas e nenos músicos procedentes de escolas de música e conservatorios dos municipios membros do Eixo Atlántico e estará aberto ao público. Consulte aquí os horarios

Vilalba será sede os vindeiros 23 e 24 de maio de 2026 da IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, un encontro consolidado como referencia na promoción do novo talento musical da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. 

O evento reunirá máis de 100 nenas e nenos músicos procedentes de escolas de música e conservatorios dos municipios e entidades membros do Eixo Atlántico, nunha iniciativa que destaca a formación musical e promove a convivencia e o intercambio cultural a través da música.

O certame desenvolverase entre o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e o Auditorio Municipal Carmen Estévez. Está dirixido a solistas de ata 18 anos e a agrupacións formadas por integrantes de ata 25 anos, e estrutúrase en dúas fases:

  • Sábado 23 de maio: fase previa de selección, de 9:30 a 13:3 h e de 16:00 a 19:00h
  • Domingo 24 de maio:
    o Fase final de 9:00 a 13:30h. 
    o Cerimonia de clausura e entrega de premios: de 16:00 a 17:15h.

O xurado, o sábado, seleccionará 12 finalistas, que na mañá do domingo volverán realizar as probas para que o xurado decida as persoas gañadoras, que recibirán unha escultura do Eixo Atlántico e unha dotación económica entre 400 e 2.500 euros.

Un evento aberto á cidadanía

A Mostra Musical do Eixo Atlántico é completamente aberta ao público, polo que a cidadanía está convidada a asistir e desfrutar das interpretacións dos mozos músicos ao longo de toda a fin de semana, nunha oportunidade única para coñecer de preto o novo talento musical da Eurorrexión.

Homenaxe a António Saiote

En todas as edicións da Mostra Musical, o Eixo Atlántico rende homenaxe a músicos de recoñecido mérito no ámbito da música clásica ou do jazz. Nesta edición, na gala de clausura do domingo pola tarde, o Eixo Atlántico renderá homenaxe a António Saiote, un dos máis importantes clarinetistas portugueses, en recoñecemento á súa traxectoria artística e ao seu papel fundamental na formación de novas xeracións de intérpretes.

Desenvolveu unha intensa carreira como solista, director e docente, é unha figura clave na construción da «escola portuguesa de clarinete», un dos maiores divulgadores da música portuguesa e unha das figuras máis influentes da música culta na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.