Vila Real acolle este fin de semana aos máis de 300 participantes de 20 cidades da VI Mostra Musical do Eixo Atlántico
A fase previa de selección terá lugar o sábado en horario de mañá e tarde no Conservatorio Rexional e no Teatro Municipal
Todo preparado para a celebración da VI edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico, que arrancará mañá, sábado coa fase previa de selección dos finalistas desde as nove da mañá (hora local) até as seis da tarde.
Nesta fase previa haberá corenta actuacións, que terán lugar entre o Teatro Municipal de Vila Real e o Conservatorio Regional.
O domingo será o momento da fase final, coa actuación dos artistas seleccionados -ata un máximo de dezaoito-, no Teatro Municipal en horario de mañá. A cerimonia de entrega terá lugar ás tres da tarde no propio teatro.
Máis de 300 participantes representantes de 20 cidades de Galicia e o norte de Portugal danse cita nesta edición, que supón un récord de participación nestes dez anos de vida do certame. De feito, a cifra deste ano case duplica aos da primeira edición, celebrada en Vilagarcía de Arousa en 2008. Desde entón, máis de 1.200 mozos e mozas ata os 18 anos participaron na Mostra Musical do Eixo Atlántico.
A Mostra Musical convócase cada dous anos coa finalidade de poñer en valor os músicos dos conservatorios e das escolas de música municipais, apoiando a aqueles músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír a difusión do gusto pola música clásica e o jazz, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico.
O certame está dirixido a novos intérpretes que sexan estudantes das Escolas de Música ou Conservatorios Profesionais (no caso de Galicia) e Escolas Profesionais e Conservatorios (no caso de Portugal), pertencentes aos municipios membros do Eixo Atlántico.
Para a organización da Mostra Musical o Eixo Atlántico conta coa colaboración da Casa da Música do Porto e da Xunta de Galicia, a través de Secretaría Xeral de Cultura.
Homenaxe: Nemesio García Carril
En cada edición a Mostra Musical do Eixo Atlántico quere recoñecer a figura dun persoeiro relevante da música clásica ou jazz da Eurorexión. Este ano o homenaxeado será Nemesio García Carril, artista e profesor natural de Santiago de Compostela cunha dilatada carreira en canto, dirección, composición e musicoloxía e recoñecementos a nivel nacional e internacional.
Entre 1968 e 1980 Nemesio García Carril foi mestre-director da capela de música da Catedral de Santiago.
Foi profesor nos Conservatorios de Ponteareas (Pontevedra) e Santiago, profesor Numerario do IES "Rosalía de Castro" de Santiago, Instituto Español de Lisboa e membro da misión cultural da embaixada de España en Portugal.
Pertence á Asociación Portuguesa de Pedagoxía Musical.
Actualmente é catedrático do IES "Pai Suárez" e profesor colaborador da Universidade de Granada.
Premios:
1º Premio Himno Sta. T. Jornet e Ibars 1973.
Premio á mellor música do "1º Festival Internacional da Canción de Pontevedra", 1977.
Premio da Crítica Galega de 1984.
Obras:
Transcrición dos Cantorales 5º e 6º de Polifonía do século XVI e do 2º libro de Órgano (obras de J. Sánchez) do século XVIII do Arquivo Histórico da Catedral de Compostela.
Bandas sonoras das series para TVE:
-A filla do mar de Rosalía de Castro en 1976,
-Os Gozos e as sombras, de Torrente Ballester en 1982,
-Musical A Nai: guión de Bernardo Vilariño e texto de Antón de Santiago, en 1998.
Gravación de música propia de catro poemas de Rosalía de Castro coa soprano Maruxa Villanueva e Profesor da Orquestra Radio Nacional. Gravación do disco "Grandes obras musicais do s. XIX na Catedral de Santiago" para o VIII centenario do Pórtico da Gloria (Orquestra Manuel de Falla de Madrid e Orfeón Terra a Nosa de Santiago).
Tres categorías
Os participantes están adscritos ás diferentes categorías segundo a modalidade de interpretación: solistas, agrupacións de cámara e agrupacións maiores. Os solistas, á súa vez, repártase en catro grupos por idade.
Solistas: Catro tramos ou grupos diferenciados, en función da idade dos participantes:
- Grupo A: ata aos 10 anos
- Grupo B: dos 11 aos 12 anos
- Grupo C: dos 13 aos 15 anos
- Grupo D: dos 16 aos 18 anos
- Agrupacións de cámara: estarán compostas por un mínimo de 2 e un máximo de 6 integrantes.
- Agrupacións maiores (orquestras, bandas, ensembles, etc.); máis de 6 integrantes, non tendo límite o nº máximo de participantes.