Viana do Castelo presenta a programación cultural de setembro no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025

Viana do Castelo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025, vén de anunciar a súa programación cultural para o mes de setembro, cun calendario cheo de concertos, festivais, encontros musicais e actividades de patrimonio que poñen en valor a diversidade cultural da rexión.
O mes arrinca o venres 5 de setembro cun concerto moi especial dedicado ao Centenario de Carlos Paredes, incluíndo a Alvorada "Regresso". Ao día seguinte, o sábado 6, terá lugar unha nova edición do Ciclo de Concertos Atlánticos (#08) cun Encontro de Bandas de Gaitas, que encherá a cidade de música tradicional galego-portuguesa.
O 12 e 13 de setembro celebrarase o xa emblemático Festival Viana Bate Forte, unha cita de referencia no calendario cultural da cidade, mentres que o sábado 20 será a quenda de Sons do Camiño #05, con protagonismo para un quarteto de cordas e fagote.
Ese mesmo fin de semana, os días 20 e 21 de setembro, desenvolveranse tamén as Xornadas do Patrimonio, un espazo para a reflexión e posta en valor da riqueza cultural e histórica de Viana do Castelo.
Durante todo o mes, os días 13, 20 e 27, celebraranse os tradicionais Feiróns na Praza, encontros de vida comunitaria que manteñen viva a identidade local. O calendario péchase o sábado 27 de setembro cos Bailes de Maresia, que achegarán música e danza á beira do mar.
Con esta programación, Viana do Castelo confirma o seu compromiso coa cultura, a tradición e a innovación artística, reforzando o seu papel como cidade de referencia no espazo atlántico.
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/viana-do-castelo-presenta-a-programacion-cultural-de-setembro-no-marco-da-capital-da-cultura-do-eixo-atlantico-2025#sigProIdb4cf13095c