Viana do Castelo inaugura a XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico e dá a coñecer as obras gañadoras
A exposición poderá visitarse no Museu de Artes Decorativas ata finais de xaneiro. Consulte aquí o catálogo
A XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico foi inaugurada este 27 de novembro en Viana do Castelo, nun acto que reuniu autoridades da Eurorrexión e os artistas finalistas do certame. A mostra poderá visitarse no Museu de Artes Decorativas ata finais de xaneiro, no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025. 
Durante o acto inaugural anunciáronse as obras gañadoras, seleccionadas entre as 28 pezas finalistas desta edición, marcada pola elevada calidade técnica, a diversidade estética e a innovación conceptual.
O evento contou coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; do vicepresidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo, Luís Nobre; de Vítor Dias, Diretor Regional do Norte do IPDJ; de Sara Pérez Bello, representante da Xunta de Galicia no xurado; e de Patricia Oliveira, membro do xurado en representación do IPDJ.
Obras premiadas da XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico
🥇 Primeiro Premio
Obra: A liberdade de Ser
Técnica: Acrílico e spray de alta temperatura sobre paneis de luz LED, MDF
Autor: Acácio Viegas (Viana do Castelo, 1976)
🥈 Segundo Premio
Obra: Rompiendo límites
Técnica: Pintura acrílica sobre tabla (Obra bidimensional)
Autor: Javier Pena (Sarria, 1947)
🏅 Premio Novos Talentos Luso-Galaicos
Obra: O que vi
Técnica: Óleo sobre tea
Autor: Afonso António (Lousada, 2004)
Un xurado presidido por Gosia Trebacz
A artista multidisciplinar Gosia Trebacz (Cracovia, 1971), con máis de trinta anos de traxectoria en Galicia e unha sólida presenza internacional, presidiu o xurado desta XV edición. Completaron o panel avaliador Sara Pérez Bello (Xunta de Galicia), Patricia Oliveira (IPDJ), João Ribeiro da Silva e Tito Senna, gañador da edición anterior.
Trebacz salientou que a Bienal é “un trampolín para que artistas emerxentes e consolidados amosen as súas obras na nosa preciosa esquina atlántica, fomentando a creatividade, o intercambio e o diálogo entre Galicia e o Norte de Portugal.”
Creada en 1997, a Bienal de Pintura do Eixo Atlántico consolidouse como un referente cultural transfronteirizo, impulsando a creación artística e a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.
A XV edición conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, I.P., e do Instituto Português do Desporto e Juventude, I.P.
Tras a súa estancia en Viana do Castelo, a exposición viaxará ao longo de 2026 polos seguintes municipios do Eixo Atlántico:
- Febreiro / Marzo – Gondomar
- Abril – Peso da Régua
- Maio – Ribeira
- Xuño – Vilalba
- Xullo – Vila Real
- Agosto – Bragança
- Setembro – Monforte de Lemos
- Outubro – Barcelos
- Novembro – Felgueiras
- Decembro – Carballo