A cidade da Coruña acolleu este fin de semana a duodécima edición do Torneo Eixo Atlántico de hóckey sobre patíns na categoría infantil, unha cita xa consolidada no calendario deportivo da eurorrexión. O evento reuniu 140 xogadores e xogadoras procedentes de 14 equipos de Galicia e Portugal, que competiron durante dúas intensas xornadas por alzarse co título.
A fase clasificatoria disputouse o sábado no Palacio dos Deportes de Riazor, no Pavillón Polideportivo de Riazor e no Pavillón de Monte Alto, cun total de 24 encontros que determinaron o camiño cara ás semifinais. Tras unha tarde de eliminacións, os equipos Compañía de María (A Coruña) e AD Valongo (Portugal) lograron o seu pase á gran final.
O desenlace tivo lugar o domingo ás 16:00 horas no Palacio dos Deportes, escenario de grandes citas do hóckey galego. O partido estivo marcado pola igualdade, finalizando cun empate a un gol no tempo regulamentario. Na tanda de penaltis, o equipo portugués do Valongo proclamouse campión do Torneo Eixo Atlántico 2025.
A entrega de trofeos estivo presidida polo concelleiro de Deportes da Coruña, Manuel Vázquez, quen destacou o valor do evento para o deporte e a cooperación transfronteiriza: “O Torneo Eixo Atlántico consolida á Coruña como referente na organización de eventos deportivos que combinan competición, convivencia e valores”.
{gallery}XII Torneo Hockey Patíns{/gallery}