A iniciativa reúne a A Habana, Cidade de México e Ribeira Grande de Santiago (Cabo Verde) para impulsar modelos de turismo sustentable e preservación do patrimonio histórico
Unha delegación do Eixo Atlántico, encabezada polo seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, desenvolve esta semana na Habana un programa de cooperación ao desenvolvemento xunto coa Oficina do Historiador da Cidade da Habana (OHCH), o Fideicomiso do Centro Histórico da Cidade de México e a Câmara Municipal de Ribeira Grande de Santiago – Cidade Velha (Cabo Verde), cidade declarada Patrimonio da Humanidade.
O proxecto, financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) no marco do programa de cooperación triangular, ten como obxectivo impulsar modelos de turismo sustentable compatibles coa preservación do patrimonio histórico e coa vida cotiá das persoas residentes nos centros históricos.
Trátase dun ámbito no que o Eixo Atlántico vén desenvolvendo iniciativas innovadoras, como o turismo policéntrico e o turismo de autor. Neste contexto, a Oficina do Historiador da Cidade da Habana —organismo dependente do Consello de Estado e responsable da xestión da Habana Vella— propuxo á AECID a incorporación do Eixo Atlántico como entidade asesora do proxecto.
“A Habana, unha vez superada a actual situación derivada do bloqueo estadounidense, está chamada a converterse nun dos grandes destinos turísticos do mundo”, sinala o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, quen subliña a importancia de que ese desenvolvemento se basee “na excelencia e no respecto” tanto ao patrimonio histórico como á vida das súas persoas habitantes.
Pola súa banda, o Centro Histórico da Cidade de México traballa con obxectivos semellantes no maior conxunto histórico urbano de América Latina.
No caso de Ribeira Grande de Santiago – Cidade Velha, en Cabo Verde, o obxectivo é preservar o seu patrimonio histórico e garantir a calidade de vida das súas persoas habitantes nun contexto no que o Goberno caboverdiano impulsa unha expansión turística centrada na explotación do litoral.
A reunión estivo a piques de cancelarse debido á complexa situación que atravesa actualmente Cuba, pero finalmente mantívose por instancia do Eixo Atlántico.
“Manter este encontro na Habana é tamén unha forma de trasladar o noso apoio ao pobo cubano nun dos momentos máis difíciles da súa historia recente”, afirma Vázquez Mao.
Xunto ao secretario xeral do Eixo Atlántico participan tamén Nour Al-Hussen, xefa da Área de Relacións Internacionais; Manuel Rodríguez, experto en xestión de residuos da entidade; e José Bugallo, exalcalde de Santiago de Compostela e asesor do Eixo Atlántico en materia de turismo.