Skip to main content

Trece concellos e 18 balnearios participan no Foro Termal do Eixo Atlántico

Trece concellos e 18 balnearios participan no Foro Termal do Eixo Atlántico

Representantes de trece concellos e de dezaoito balnearios e establecementos termais de Galicia e do Norte de Portugal participarán o 13 de setembro no primeiro foro de termalismo que organiza o Eixo Atlántico co obxectivo de crear unha rede termal da Eurorrexión

A reunión celebrarase no Carballiño e na mesma analizarase a colaboración, coordinación e promoción conxunta do termalismo na Eurorrexión, así como outras posibilidades que se consideren oportunas para  configurar este foro que identifique as principais accións a desenvolver nos próximos anos.

A iniciativa partiu do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que considerou de relevancia crear unha sección de cidades e vilas termais no marco do Eixo Atlántico.

Así, nesta primeira reunión confirmaron a súa participación alcaldes, concelleiros e outros representantes dos concellos de Lobios, Mondaríz, Lugo, Ourense, Ribadavia, Caldas de Reis e Verín, por Galicia, así como de Santa María da Feira, Guimarães, Chaves, Vidago, Resende, Melgaço e Santo Tirso, por Portugal.

E, por parte das instalacións termais, confirmaron a súa asistencia representantes dos balnearios e termas de Lobios, Laias, Mondaríz, Lugo, A Chavasqueira, Outaríz, Presigueiro e Verín, por Galicia, e São Jorge, Taipas, Chaves, Pedras Salgadas,Vidago, Caldas de Aregos, Melgaço e Caldas-Santo Tirso, por Portugal. Ademais dos dous balnearios do Carballiño, o Gran Balneario e o das Caldas de Partovia, cuxos representantes tamén participarán neste evento.