Skip to main content

Técnicos municipais das cidades do Eixo Atlántico coñeceron os novos retos da contratación pública, nun seminario

Técnicos municipais das cidades do Eixo Atlántico coñeceron os novos retos da contratación pública, nun seminario

A reunión celebrouse na Facultade de Ciencias da Información do Campus de Pontevedra

Co propósito de achegar os cambios e novidades que estánse a producir na contratación pública,  os técnicos dos diferentes concellos de Galicia e do Norte de Portugal, integrados no Eixo Atlántico, asistiron a un seminario de formación sobre os novos retos e horizontes dos contratos públicos. A xornada contou coa da Universidade, e se celebrou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, de Pontevedra.
Cun peso económico que representa a preto do 20% do Produto Interior Bruto da Unión Europea, a contratación pública pode ser unha ferramenta para promover actuacións que contribúan á protección do medio ambiente, á igualdade entre mulleres e homes ou ao fomento da innovación.
Esta é a idea na que se asenta a chamada contratación pública estratéxica, que a UE promoveu a través de diferentes directivas que, a súa vez, están a mudar a lexislación dos diferentes estados.

Máis de 40 persoas, entre persoal dos diferentes municipios que integran o Eixo e alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública, asisten nesta xornada a un curso impartido polos profesores da Área de Dereito Administrativo da Universidade Patricia Valcárcel e Rafael Fernández Acevedo, xunto coa docente da Universidade do Minho Cláudia Viana e a asesora xurídica do Eixo Atlántico, Carmen López. O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e a vicedecana Rosa Ricoy presidiron o acto de apertura deste seminario, no que Corbacho agradeceu ao Eixo que optase por CCSS e da Comunicación, “onde se imparte o único grao en Dirección e Xestión Pública do Sistema Universitario Galego, con modalidade presencial e semipresencial” para esta actividade formativa. “A implantación das directivas europeas implica unha serie de desafíos en materia de contratación para os que non toda a xente ten ferramentas”, engadiu Vázquez Mao, nun acto no que Ricoy destacou o papel que esta pode xogar “como instrumento que oriente o mercado cara comportamentos socialmente responsables e cara a dinamización da actividade económica”, mentres que Fernández Lores puxo de relevo a importancia de xerar un debate sobre “unha lexislación feita para as multinacionais”, que prexudica ao seu xuízo ás pequenas e medianas empresas.