Skip to main content

Sarria convertiuse no epicentro do turismo do Eixo Atlántico coa inauguración da VIII Feira Expocidades

Sarria convertiuse no epicentro do turismo do Eixo Atlántico coa inauguración da VIII Feira Expocidades

Durante toda a fin de semana haberá actividades gastronómicas e culturais. Consulte aquí a programación completa

A Praza da Vila de Sarria acolleu esta mañá a inauguración oficial da VIII Feira de Turismo do Eixo Atlántico, Expocidades, que se celebra na vila lucense do 2 ao 4 de maio. O acto inaugural, presentado pola concelleira de Turismo, Reyes Abella, contou coas intervencións de Claudio Garrido, alcalde de Sarria, Luís Nobre, presidente do Eixo Atlántico, e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.  cartaz expocidades

Durante o acto, as autoridades destacaron o papel de Expocidades como espazo de encontro e cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, subliñando a importancia do turismo de proximidade como motor económico e cultural para os 28 municipios e entidades participantes.

A feira ofrece durante toda a fin de semana un completo programa de actividades que pon en valor a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica do Eixo Atlántico. Sarria preparou, tamén un programa paralelo, onde destacan visitas guiadas polo Camiño Francés, sobrea o papel das antigüidades en Sarria así como sobre a vida de Matías López, recoñecido empresario e chocolateiro local; catas de viños galegos e portugueses; degustacións gastronómicas; concertos e mostras de artesanía en vivo.

A música ocupará un lugar protagonista cun cartel que inclúe o Rancho Folclórico de Santo André de Sobrado de Valongo, o Grupo Folclórico de Santa Marta de Portuzelo de Viana do Castelo e o Grupo Varinas da Afurada de Vila Nova de Gaia. O domingo celebrarase unha sesión vermú de fados coa cantante Iria Estévez, mentres que o sábado será a quenda do concerto da banda local Louband, do grupo sarrián Clarisaxos e dunha banda tributo a ABBA.

Os máis pequenos poderán desfrutar de obradoiros de chocolate, maxia e creación de instrumentos, mentres que os adultos terán ocasión de participar nun obradoiro de baile tradicional galego. Ademais, en Vila do Conde poderanse contemplar demostracións en vivo de Rendas de Bilros, mentres que en Barcelos a rapazada poderá participar en obradoiros infantís de pintura de galos. En Braga, a actividade infantil "Queres pintar um Cavaquinho" permitirá achegarse á tradición musical dun xeito lúdico. Tamén na caseta de Vila Nova de Gaia haberá xogos infantís, unha mostra de panadería tradicional con Broa de Avintes e sorteos de experiencias gastronómicas que completarán a oferta cultural da feira.

Os sabores máis emblemáticos de Galicia e do norte de Portugal estarán moi presentes en Expocidades, cun percorrido gastronómico que inclúe viños, doces, empanadas e conservas de localidades como Felgueiras, Vila Real, Peso da Régua, Guimarães, Matosinhos, Vila Pouca de Aguiar, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Valongo, Bragança e Monforte de Lemos, ofrecendo así unha ampla mostra de produtos tradicionais e delicatessen da rexión.

Promovida polo Eixo Atlántico, Expocidades reafirma o seu compromiso de fomentar o intercambio cultural e o desenvolvemento turístico sostible entre os territorios de Galicia e o Norte de Portugal, convertendo Sarria durante tres días nun escaparate da diversidade e do patrimonio común.

Programación completa.

Galería de imaxes.