Santiago de Compostela vai recibir a entrega da bandeira dos Xogos do Eixo Atlántico para acoller a XVI edición en 2026

O municipio de Santiago de Compostela acollerá, en 2026, a XVI edición dos Xogos do Eixo Atlántico. Así, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu o acto de entrega da bandeira que oficializa Santiago como sede da vindeira edición dos Xogos, que se celebrarán entre o 5 e o 10 de xullo de 2026
Os Xogos do Eixo Atlántico, que se celebran desde 1995, son o principal evento deportivo xuvenil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Na súa última edición, a XV, participaron 2.378 persoas, entre deportistas, responsables municipais e equipos técnicos. En Braga e Famalicão, Santiago de Compostela destacou como a cidade con mellores resultados nos deportes colectivos, acadando dúas medallas de ouro (en baloncesto masculino e fútbol feminino) e dúas de prata (en baloncesto feminino e fútbol masculino).
No evento, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, afirmou que o municipio de Santiago "comparte os valores de solidariedade, esforzo, perseveranza e socialización, cunha competitividade saudable na que todos nos vemos como parte do mesmo equipo". A rexedora, que destacou que pasaron 20 anos desde que os Xogos do Eixo se celebraron por primeira vez na capital galega, lembrou a aposta do goberno municipal por facer de Compostela "unha capital e un lugar a visitar por diversas razóns", entre elas as competicións deportivas.
Goretti Sanmartín explicou que as datas dos Xogos serán tamén "un complemento fantástico" para toda a programación da segunda quincena de xullo, cando comezan os eventos das Festas do Apóstolo. A rexedora afirmou que Santiago está "disposta a continuar traballando" na candidatura e asegurou que non ten "ningunha dúbida de que faremos disto unha atracción" tanto para os participantes como para os que visiten Compostela.
A alcaldesa anfitrioa felicitou o traballo colectivo que fixo posible esta XVI edición e defendeu os valores desta competición deportiva, directamente relacionados coa promoción da saúde. "Recibimos esta bandeira con todo o orgullo e dignidade, e comprometémonos a traballar para que estes sexan os mellores xogos da historia", afirmou Sanmartín. A rexedora animou a todos a marcar no calendario de 2026 as datas de celebración dos Xogos, momento no que Santiago se converterá na "capital do deporte".
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, abriu o evento lembrando a experiencia de Compostela como cidade organizadora destes mesmos xogos no ano 2005, nos que 17 municipios de Galicia e Portugal participaron durante cinco días nun evento de alto nivel que encheu a cidade de espírito deportivo.
“Consideramos o deporte como un elemento idóneo para a vertebración territorial, e esta fórmula de éxito, que combina competición e camaradaría, fortalece precisamente os lazos entre os municipios do Eixo Atlántico, cos que compartimos un vínculo especial”, afirmou.
No acto, o presidente do Grupo Temático de Deporte do Eixo Atlántico, Guilherme Aguiar, destacou a importancia deste evento para a unión dos pobos portugués e galego, mentres que o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, subliñou que en todas as modalidades deportivas haberá competición tanto feminina como masculina, e eloxiou o feito de que Santiago acolla os xogos por segunda vez, tras o recoñecemento da súa candidatura.
Novidades
Entre os principais cambios destaca a inclusión do voleibol masculino, garantindo a plena paridade de xénero en todas as modalidades. Ademais, elimínase a modalidade de fútbol 7, aínda que está previsto presentar á Comisión Executiva unha proposta para a creación dun torneo exclusivo para esta modalidade, tanto no feminino como no masculino.
Outra das novidades será a redución da idade máxima de participación aos 14 anos, agás nas modalidades de deporte adaptado, fomentando así unha maior proxección e desenvolvemento do talento xuvenil.
Con este cambio, Santiago de Compostela inicia o camiño para se converter no epicentro do deporte xuvenil da Eurorrexión en 2026, reforzando o seu compromiso co deporte inclusivo, a cooperación transfronteiriza e a promoción da mocidade.
A edición de 2026 contará con cinco modalidades deportivas: balonmán, voleibol, baloncesto, natación e atletismo. As modalidades de atletismo e natación tamén terán competición en modalidade adaptada. Todas as disciplinas contarán con competición tanto masculina como feminina.