Aspectos como a necesaria aposta polo gas natural fronte ao petróleo foron detallados por Samuele Furfari, profesor de xeopolítica da Enerxía na Universidade de Bruxelas e Manuel Lara, profesor de Planificación Enerxética da Universidade da Coruña.
Por que sobe o prezo da luz? Que supón apostar polas enerxías renovables? Como poden ser máis eficaces as cidades no consumo eléctrico? O programa de Radio Vigo sobre a Eurorrexión contou este mes coa participación de dous expertos do sector enerxético que achegaron á audiencia dunha maneira moi didáctica os segredos das políticas enerxéticas que nos afectan a todos. O programa emítese simultaneamente no programa de máxima audiencia “Hoy por hoy”, de Radio Vigo e Televigo. Ademais, tamén Antenha Minho, do Grupo Correio do Minho realiza unha redifusión para a área de Braga.
Aspectos como que os coches diésel actuais realmente non contaminan tanto como os de gasolina ou a irremediable aposta polo gas natural, porque “hai moito no mercado e é barato”, fronte ao petróleo, foron detallados por Samuele Furfari, profesor de xeopolítica da Enerxía na Universidade de Bruxelas e Manuel Lara, profesor de Planificación Enerxética da Universidade da Coruña.
O profesor Samuele Furfari, alto funcionario de política enerxética da Comisión Europea entre 1982 e 2018, participou o 30 de outubro nun Seminario de Intercambio de experiencias no ámbito da sustentabilidade organizado polo Eixo Atlántico en Bragança cunha conferencia sobre o papel das cidades no ámbito da oferta e a demanda da enerxía.