Avaliouse como “moi satisfactorio” o desenvolvemento de contidos de proxecto que se presentarán na Asemblea Xeral da RIET, no mes de decembro
En Salamanca reuniuse o Comité de Pilotaxe do proxecto europeo “Destino Fronteira” que finaliza o próximo mes de decembro. Este proxecto inscríbese na estratexia de Turismo de Fronteira (Dous países, un destino) que o Eixo Atlántico impulsa desde hai anos e que recentemente celebrou o Primeiro Encontro internacional en Braga, o pasado mes de maio.
O Comité de Pilotaxe aprobou a execución dos contidos do proxecto e avaliou o seu desenvolvemento como “moi satisfactorio” ao conseguir alcanzar case a totalidade dos obxectivos propostos no mesmo.
Os resultados serán presentados no mes de decembro próximo, en Leiria (Portugal) na Asemblea Xeral da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET, en tanto que órgano político encargado da dinamización e desenvolvemento dos territorios de fronteira.
Trátase da primeira vez que a fronteira hispano-portuguesa (á que se denomina a España baleira, do mesmo xeito que territorios fronteirizos de Portugal) conta cunha estratexia integral que contribúa á fixación da poboación e en consecuencia ao desenvolvemento económico destes territorios.
OBXECTIVO
O proxecto europeo “Destino Fronteira” ten como obxectivo xeneral implementar unha estratexia de desenvolvemento turístico da fronteira hispano-lusa como destino único, integrado e estruturado, baseado en recursos endóxenos compartidos e na especialización intelixente da oferta, e que permita reducir os custos de contexto, diminuír as desigualdades territoriais e promover o desenvolvemento sustentable das rexións de fronteira.
Pretende pór en valor os recursos endóxenos dos territorios do proxecto e promover a fronteira como valor engadido e diferenciador do turismo ao longo dela.
De igual forma, pretende, por unha banda, mellorar o coñecemento dos actores das rexións do proxecto sobre o turismo de fronteira permitíndolles unha toma de decisión máis informada e coherente e por outro promover o desenvolvemento sustentable deste tipo de turismo a través da creación de ferramentas facilitadoras da xestión eficiente do turismo de fronteira a medio prazo; e a capacitación dos recursos humanos do sector turístico da fronteira para a súa especialización no tratamento e promoción do turismo na fronteira.
Destino Fronteira está liderado polo Eixo Atlántico, como xefe de filas do proxecto, onde participan a AECT Chaves-Verín, a Asociación Ibérica de Municipios Ribeiriños do Douro,AIMRD, AECT ZASNET (Bragança), Deputación de Salamanca, Confederación de Empresarios do Centro de Portugal, CEC, Triurbir, Deputación de Huelva e Odiana (Eurocidade do Guadiana).