A Vía Nova ou Vía Romana XVII é unha das calzadas romanas mellor conservadas e máis investigadas no noroeste da Península Ibérica
No día de onte, o Eixo Atlántico reuniuse en Braga co Alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o Tenente Alcalde da Pobra de Trives, Miguel Sierra e a Concelleira de Educación, Cristina Paz, interesados na posibilidade de impulsar a Vía XVIII, coñecida como Vía Nova ou Caminho da Geira. No encontro, para alén do Presidente do Eixo e alcalde de Braga, Ricardo Rio, e do Secretario Xeral, Xoán Vázquez Mao, participou o Concelleiro de Patrimonio de Braga, Miguel Bandeira.
Na reunión púxose de manifesto o interese en promover a Vía Nova como itinerario cultural luso-galaico, sendo que constitúe a “gran vía da Gallaecia”, con numerosos elementos romanos concentrados na ruta e nos seus arredores. Proximamente, proporase unha reunión con outras administracións implicadas neste asunto, co obxectivo de estudar a situación do camiño e identificar os pasos a seguir.
A Vía Nova ou Vía Romana XVIII do Itinerario de Antonino que ligaba Bracara Augusta, Braga, e Asturica Augusta, Astorga, nun traxecto de 240 millas romanas, é unha das calzadas romanas mellor conservadas e máis investigadas no noroeste da Península Ibérica.
No seu paso por Portugal, onde é coñecida como Geira Romana, sae de Braga en dirección ó Gerês, pasando polos municipios de Amares e Terras de Bouro. O traxecto correspondente ó territorio do concello de Terras de Bouro entre as millas XIV e XXXIV, en pleno Parque Nacional da Peneda-Gerês, está clasificado como Monumento Nacional pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Portugal dende 2013.
Na parte galega, cruza a provincia de Ourense saíndo de Galicia cara Astorga. Das 3 partes desta Vía recoñecidas como Camiños Naturais polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, dúas delas están na parte sur no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, e unha terceira partindo da Serra da Enciña Lastra.