Luís Pedro Martins, Presidente de TPN, e Marco Sousa, Director do TPN, reuníronse na sede do Eixo Atlántico en Vigo co Secretario Xeral, Xoán Vázquez Mao, a Directora do Departamento de Programas, Europa e Cooperación, Rita Fidalgo, e as expertas en turismo do Eixo Atlántico, Ana Ladeiras e Carmen Pardo
Esta reunión enmárcase na preparación dos programas de actuación que serán desenvolvidos a partir de 2023 e que, á súa vez, serán incluídos nas próximas convocatorias dos diferentes programas europeos para viabilizar o seu desenvolvemento.
O sector turístico, non só é un dos factores máis importantes de desenvolvemento da Eurorrexión, senón que tamén foi un dos sectores que máis sufriu as consecuencias da pandemia. Por este motivo, é un dos que máis apoio necesita para a súa recuperación.
Na reunión abordáronse aquelas actuacións que representan os puntos fortes tradicionais do turismo da Eurorrexión (termalismo e Camiño de Santiago), como aqueles novos modelos que se poderían impulsar para xerar novas iniciativas (turismo de autor, turismo de natureza, turismo náutico e rutas da romanización).
Nos próximos días volverán reunirse os respectivos equipos de ámbito turístico para concretar as propostas antes do mes de outubro para ser debatidas polas cidades do Eixo Atlántico e coa Comisión Política de Economía. Unha vez aprobadas, serán incluídas no programa de 2023 e nas candidaturas que se abrirán a partir de novembro.