Representantes da área de Mercosur explican a súa experiencia de cooperación transfronteiriza en Radio Vigo
O Eixo Atlántico recibiu a responsables de Bripaem e Fiades, entidades de colaboración nas fronteiras do Mercosur
O programa de abril en Radio Vigo e Localia Televigo estivo protagonizado pola Cooperación Transfronteiriza máis aló da Eurorrexión, concretamente alén do “charco”.
Aproveitando a visita que unha delegación de Mercosur realizou para coñecer a experiencia do Eixo Atlántico na Eurorrexión, os oíntes e telespectadores do “Hoy por hoy” puideron coñecer o traballo que dúas entidades de fronteira están a levar a cabo para mellorar a calidade de vida dos habitantes da a zona.
O programa presentado por Jacobo Buceta, que se emite tamén por Antena Minho para a área de Braga, contou coa participación de Mara Riganti, coordinadora xeral de Bripaem (Bloque Rexional de Intendentes, Prefeitos, Alcaldes e Empresarios do Mercosur) e Alejandra Flórez, responsable financeira de Fiades (Fundación Iberoamericana para o Desenvolvemento Sustentable), así como co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
A coordinadora xeral de Bripaem explicou que “ata agora o Mercosur desenvolveu grandes acordos, pero a nivel de capitais. Nós traballamos cos intendentes e alcaldes no desenvolvemento e integración de políticas sociais e sustentables para esas rexións. Traballamos no día a día das zonas fronteirizas, indicou Riganti.
Neste sentido, a responsable de Bripaem explicou o exemplo do desenvolvemento da ruta do millo. Arxentina e Paraguai producen a proteína vexetal e Brasil transfórmaa en proteína animal”. Desde Bripaem están a axudar aos intendentes e aos empresarios da rexión a habilitar rutas que non existían, para mellorar a loxística e “iso terá un impacto impresionante na zona de fronteira”, segundo explicou Mara Riganti.
Pola súa banda, a responsable da Fundación Iberoamericana para o Desenvolvemento Sustentable explicou que desde Fiades fan un traballo social, de apoio do Bloque de Intendentes, “facemos un traballo de campo, co obxectivo de aproveitar a vantaxe de cada lugar”. Constitúen a voz dos máis pequenos. “Moitos pequenos fan unha voz forte?, dixo Alejandra Flórez.
Durante o programa de radio e televisión tamén se abordou a inminente posta en marcha de Parlasur, o Parlamento de Mercosur, que dará o marco xurídico para poder traballar con todas as garantías da lei a partir de 2020.