Rematan en Santiago os XVI Xogos do Eixo Atlántico após unha semana de deporte, convivencia e intercambio cultural
Todos os resultados da competición poden consultarse na web dos Xogos do Eixo Atlántico
Péchase deste xeito unha intensa semana de competición, convivencia e intercambio cultural que reuniu na capital galega a preto de 2.000 persoas integradas nas 28 delegacións procedentes de Galicia e do norte de Portugal. A cita deportiva transfronteiriza, que regresaba por segunda vez a Santiago de Compostela, marcou un fito ao converterse na primeira edición completamente paritaria, con representación masculina e feminina en todas as disciplinas: baloncesto, balonmán, voleibol, natación e atletismo, incluíndo nestas dúas últimas modalidades probas adaptadas.
Nesta edición participaron dez concellos galegos —Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Sarria e Monforte de Lemos— e dezaoito municipios portugueses: Matosinhos, Maia, Felgueiras, Vila Nova de Famalicão, Braga, Viana do Castelo, Bragança, Porto, Valongo, Vila Nova de Gaia, Amarante, Vila do Conde, Fafe, Vila Real, Peso da Régua, Santa Maria da Feira, Barcelos e Guimarães.
As competicións desenvolvéronse en instalacións municipais, universitarias e centros escolares distribuídos por distintos puntos da cidade de Santiago, convertendo a capital galega no epicentro do deporte xuvenil eurorrexional durante toda a semana.
No plano deportivo, Lugo proclamouse campioa do torneo feminino de baloncesto tras superar a Valongo na final, mentres que o Porto se impuxo a Lugo na competición masculina. Os equipos composteláns remataron na sétima posición, no caso do conxunto feminino, e na quinta, no masculino.
No balonmán masculino, o Porto acadou o primeiro posto tras vencer a Santa Maria da Feira, mentres que no cadro feminino a vitoria correspondeu a Vila Nova de Gaia, que derrotou a Vigo na final.
En natación, destacou a actuación dos deportistas composteláns Lucas Vázquez Gómez, medalla de bronce nos 100 metros bolboreta masculinos, e Francisco Javier Vigo Duarte, tamén bronce nos 50 metros braza masculinos.
Pola súa banda, nas probas de atletismo sobresairon Carla Abeal Rodríguez, medalla de ouro en lanzamento de peso; Matilda Barata Fernández, prata nos 80 metros lisos; e Gabriel Nogueira Quiñón, prata na proba de ruta. Nas modalidades adaptadas, Ramona Seijo Millán conseguiu a medalla de bronce en lanzamento de peso e José Antonio Brea Capeáns acadou a prata na mesma disciplina.
Os XVI Xogos do Eixo Atlántico poñen así o punto e final a unha nova edición marcada polos valores do deporte, a igualdade e a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal.
Todos os resultados da competición poden consultarse na páxina web oficial dos Xogos do Eixo Atlántico.