O alumnado de Felgueiras visita Ribeira no marco dos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico
O alumnado de D. Manuel de Faria e Sousa de Felgueiras visitou Ribeiras nestas xornadas. “Logo da extraordinaria e marabillosa acollida que nos brindaron desde o Concello de Felgueiras e o colexio anfitrión, estamos desexosas de corresponder á súa visita co mesmo cariño e dedicación”, sinalou Alicia Padín, técnica do concello implicada no proxecto.
O programa comezou coa recepción do alumnado de Felgueiras en Ribeira por parte dos compañeiros do CEIP Heroínas de Sálvora, seguida dunha visita ao Centro Cultural Lustres Rivas e ao Museo Municipal.
Ao mediodía, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, xunto coa concelleira de Educación e o segundo tenente de alcalde, recibiron ao alumnado e profesorado na actual Casa do Concello (antigo Auditorio). O rexedor destacou que “estes intercambios son totalmente positivos para a rapazada, porque ademais de coñecerse, tamén poden contrastar as diferentes realidades de cada país e descubrirán que Galicia e Portugal comparten unha historia común e unha lingua que nos permite comunicarnos con milleiros de persoas de toda a comunidade lusófona”.
Pola tarde, visitarán a Lonxa de Ribeira para realizar unha visita guiada polas instalacións e, para rematar, farán un percorrido a pé pola costa ata as pasarelas de Area Secada.
Noutra das xornadas, o alumnado de Felgueiras desprazarase a Aguiño, onde o alumnado do CEIP Heroínas de Sálvora compartirá cos seus convidados e convidadas os seus coñecementos sobre Sálvora, O Carreiro, o naufraxio do Santa Isabel e as Heroínas de Sálvora.
Despois das exposicións e do paseo polo Carreiro, regresarán ao centro para coñecer as súas instalacións e o proxecto pedagóxico que desenvolven.
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/recepcion-dos-nenos-e-nenas-da-localidade-portuguesa-de-felgueiras#sigProId3e580e2084