Tras un ano agardando, a reinauguración da Capital da Cultura terá lugar o 19 de abril de 2021 ás 19h portuguesas no Altice Forum Braga
A VI edición da Capital da Cultura do Eixo Atlántico celebrou a súa cerimonia de apertura o sábado 8 de febreiro de 2020 coas actuacións dos galegos Sondeseu e o portugués Daniel Pereira Cristo no Altice Forum Braga, cunha grande recepción tanto presencial como por streaming. A este evento, seguíronlle o Tributo a Zeca Afonso dentro do programa de Convergências Portugal/Galiza ou o concerto de Amancio Prada, entre outros.
Con todo, a programación proposta para esta edición non puido continuar. A partir do 14 de marzo, debido ó confinamento provocado pola pandemia da Covid-19, todas las iniciativas tiveron que ser canceladas e a VI edición da Capital tivo que ser trasladada a 2021, á espera dunha nova situación que permitise continuar coa programación ofertada.
Tras un ano agardando, a reinauguración da Capital da Cultura terá lugar o 19 de abril de 2021 ás 19h portuguesas no Altice Forum Braga, que irá acompañada do concerto de “Canto D’Aqui convida Oscar Ibáñez&Tribo”. O grupo portugués “Canto D’Aqui” dende a súa fundación en Braga en 1984, tense dedicado á recolla e divulgación de temas da música tradicional portuguesa, reinterpretándoos e dándolles novas sonoridades. Estarán acompañados no escenario polo grupo convidado “Óscar Ibañez & Tribo”, a nova aposta do músico pontevedrés formada por 5 músicos galegos e estranxeiros de recoñecida traxectoria. Ó evento asistirán autoridades locais e rexionais de Galicia e do Norte de Portugal e, a diferencia do ano anterior, só se poderá acceder mediante convite por motivos de seguridade, aínda que aberto de forma universal para o seu seguimento por streaming.
A programación da Capital da Cultura deseñada para este ano polo Municipio de Braga inclúe un conxunto de iniciativas que contan coa colaboración de axentes culturais dos municipios do Norte de Portugal e de Galicia así como da Xunta de Galicia. A tipoloxía dos eventos abrangue a cultura urbana, artes plásticas, danza, música, literatura, teatro, cine, exposicións, concertos, fotografía e encontros sectoriais do mundo da cultura.