Preto de 1.850 deportistas participarán nos XII Xogos do Eixo Atlántico en Lugo, Sarria e Monforte
Comeza a conta atrás para a celebración dos XII Xogos do Eixo Atlántico, que terán lugar do 4 ao 9 de xullo en Lugo, Sarria e Monforte
En total participarán preto de 1.850 mozos e mozas ata os 16 anos, a primeira ocasión na que os Xogos terán lugar no interior de Galicia.
Nesta edición estarán representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal: Lugo, Monforte e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña, Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Bragança, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimarães, Santa Maria da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín.
Romanos, castrexos, xigantes, cabezudos e cigarróns
O primeiro día, en xornada de tarde, terá lugar o desfile das delegacións dos participantes, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Nesta marcha, por primeira vez, incorporaranse ao desfile catro elementos etnográficos. Irán abrindo a marcha unha representación de romanos e castrexos de Lugo; polo medio irán os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo), despois os cigarróns de Verín e, por último, os caretos de Macedo de Cavaleiros e Bragança.
A música será tamén a protagonista nesta xornada inaugural, coa participación de agrupacións folclóricas e do grupo de break dance Vella Escola, de Lugo.
Xogo limpo e homenaxes
Durante a cerimonia de inauguración o presidente do Eixo, Ricardo Rio, fará entrega do trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardoso á delegación do municipio de Vila Nova de Gaia.
Ademais, como é habitual farase a entrega dunha placa conmemorativa a modo de homenaxe a dous funcionarios da área de deportes, un galego, Miguel Domínguez, e outro portugués, Vicente Sousa, pola súa implicación nas actividades de promoción do deporte impulsadas desde o Eixo Atlántico.
Competicións
As competicións terán lugar os días 5, 6, 7, 8 e 9 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de balonmán e ximnasia rítimica, deporte novidade desta edición, en Sarria.
Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere, data na que tamén se celebrarán as finais.
Deporte adaptado
Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo, esta edición tamén integra dúas modalidades de deporte adaptado, natación e atletismo, coa participación de máis de 70 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar as barreiras e fomentar a participación de todos os rapaces.
Instituto Camões
Un aspecto sobresaliente desta edición é que por primeira vez se vai integrar a celebración dos Xogos coa promoción da cultura do país no que non se celebra a competición, neste caso Portugal.
Nesta edición, e a través dun acordo establecido entre o Eixo e o Instituto Camões de Vigo están previstas distintas actividades culturais durante a semana dos Xogos en Lugo, Sarria e Monforte. Así, haberá exposicións sobre a cultura e a historia do cine en portugués en Sarria e Monforte; e en Lugo o Vello Cárcere acollerá a proxección dun filme portugués e de curtas e unha peza de teatro dedicada á lingua portuguesa.
Calendarios competitivos: