Portugal pide á Comisión Europea 147 millóns de euros para a modernización da liña ferroviaria do Miño

A Comisión confirmou a información aos dirixentes do Eixo Atlántico, en Bruxelas, reunidos con distintos estamentos comunitarios
O goberno de Portugal solicitou á Comisión Europea 147 millóns de euros para a modernización da liña do Miño, dentro dun paquete máis amplo de infraestruturas ferroviarias, segundo fixo público o Presidente da *REFER (o equivalente a ADIF española), António Manuel Palma Ramalho.
Esta información foi confirmada esta mañá ao alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa e ao Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao que se atopan en Bruxelas en diversas reunións coa Comisión Europea.
A noticia coincide no tempo coa carta enviada o pasado día 2 de marzo desde o Eixo Atlántico ao Primeiro Ministro de Portugal, Pedro Passos Coelho, lembrándolle que o Secretario de Estado de Transportes aínda non respondera á petición da organización transfronteiriza de información sobre os prazos das licitacións e as cantidades previstas no compromiso que o Primeiro Ministro mantivo co Eixo Atlántico.
A información da Comisión Europea e do Presidente da REFER foi moi ben acollida polo Eixo Atlántico e especialmente polo seu vicepresidente, o alcalde de Braga, Ricardo Rio que foi, xunto a José Maria Costa e Miguel Costa Gomes, alcalde de Viana do Castelo e Barcelos, respectivamente, os dirixentes que máis se implicaron na modernización da liña ferroviaria que percorre as súas cidades. Esta foi unha loita histórica da entidade transfronteiriza desde que se anunciase o peche da liña Porto-Vigo, en xullo de 2011.
O Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, manifestouse satisfeito porque, "unha vez máis, a Comisión Europea dános a razón sobre a importancia desta liña ferroviaria. Ao tempo, esperamos que esta non sexa unha manobra para conseguir Fondos Europeos destinados á liña do Miño, para que despois, sexan desviados a outros puntos do país, como xa ocorrese o pasado ano".
Por iso, afirma, "manterémonos alerta para que os Fondos sexan destinados ao obxectivo solicitado que non é outro que conseguir para 2017, un transporte ferroviario, cómodo e áxil que conecte o Norte de Portugal coa AVE galego, en Vigo".