Skip to main content

Perspectivas para a economía da Eurorrexión tras a pandemia

Perspectivas para a economía da Eurorrexión tras a pandemia

Ricardo Rio, presidente do Eixo Atlántico, economista e alcalde de Braga, e o economista e expresidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe sinalan a influencia positiva da “converxencia” económica na Eurorrexión e analizan do impacto da pandemia do coronavirus e as perspectivas de futuro

26 de febreiro de 2021. O Produto Interior Bruto (PIB) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal medrou un 156% entre 2001 e 2017, tres puntos por riba do crecemento do PIB do conxunto da Unión Europea, dez puntos máis que o da rexión norte portuguesa e preto de trece máis que o do conxunto do país luso. Ricardo Rio, presidente do Eixo Atlántico, economista e alcalde de Braga, e o economista e expresidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe sinalan a influencia positiva da “converxencia” económica na Eurorrexión e analizan do impacto da pandemia do coronavirus e as perspectivas de futuro.

“O resultado é extraordinario e tradúcese nunha converxencia real á media da Unión Europea”, valora Rio, quen porén atopa nesta estatística “unha dicotomía que debe corrixirse”, tendo en conta que, “se ben tanto Galicia como o Norte de Portugal teñen taxas de crecemento superiores ás dos seus estados, a diferenza é enorme ao comparar o crecemento entre ambas rexións veciñas”. Rio sinala que neste período a Rexión Norte posicionouse como unha das de menor nivel de produto per cápita no conxunto estatal. “Galicia e o Norte de Portugal compleméntanse, xa que comparten vectores de desenvolvemento diferenciadores que poden soster un crecemento máis acelerado no futuro, sempre que estea debidamente impulsado por políticas de investimento en infraestruturas orientadas á competitividade e a cohesión”, opina.

Na mesma liña, González Laxe observa pola súa parte unha “converxencia económica por parte das rexións menos desenvolvidas respecto á media comunitaria” na evolución do PIB da Eurorrexión. “Prodúcese a partires dun incremento de grao de apertura das economías periféricas e ao pulo de determinadas actividades que fixeron de efecto tractor para encadear taxas de crecemento positivas, e por riba, ás veces, dos promedios estatais”, razoa.

O impacto da pandemia na economía da Eurorrexión

O impacto económico da crise do coronavirus fíxose notar en todas as economías do mundo, e a da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non foi unha excepción. González Laxe relaciona os efectos da pandemia coas medidas locais postas en marcha polos gobernos e administraciíns públicas “que afectan ás restricións da mobilidade e á redución da actividade industrial e de servizos  normais”, e tamén á interrupción das cadeas globais de subministración. 

“A incerteza fixo que albiscaramos unha menor actividade económica, unha caída de empresas (taxa de mortalidade maior que a natalidade empresarial), un descenso do consumo nos fogares e unha diminución dos investimentos”, explica Laxe, quen prevé que “o tempo ata chegar ou volver á situación de normalidade estará en función da maior porcentaxe de vacinación”. “De aí a necesidade de por en marcha políticas reactivas a curto prazo que promovan a resiliencia; e políticas proactivas para fomentar a adaptabilidade e facilitar a recuperación, a renovación e a reorientación do tecido produtivo”, sinala.

Ricardo Rio pon o acento na necesidade de adaptación da Eurorrexión, onde cre que a crise terá “un efecto transformador da realidade económica, penalizando especialmente a determinados sectores de actividade, pero abrindo varias oportunidades para outras áreas de negocio”. Rio opina que este feito “debería ser visto e asumido por todos como unha oportunidade, non como unha ameaza”. “Debemos saber adaptarnos e aproveitar os factores naturais que xogan ao noso favor para asumir un crecemento económico resiliente e permanente e unha pronta recuperación. Se pensamos que algúns dos sectores máis afectados están relacionados coa nosa estrutura comercial, o sector turístico, restaurantes e hoteis, creo que a súa capacidade de rexeneración será moi forte, e isto permite anticipar que a nosa recuperación, sempre que se faga de maneira cohesionada e concertada, producirase máis rapidamente que na maioría dos países e rexións de Europa”, explica o presidente do Eixo Atlántico.

Poderá recuperarse o PIB da Eurorrexión antes que o do conxunto da UE? Para Rio, se consideramos “só os factores que inciden no comportamento dos axentes económicos locais e tomadores de decisións en cada rexión”, a Eurorrexión terá “todas as condicións para recuperar o PIB máis rapidamente”, e fai referencia ao seu “enorme potencial” para soster “unha recuperación económica acelerada”. Sobre o horizonte das axudas económicas, engade que a zona “tamén deberá ser un destino para a implementación de proxectos e a asignación de fondos inherentes aos Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia, en liña coas ambicións dos cidadáns e coa representatividade destes territorios”. Fernando González Laxe, pola súa parte, fai fincapé na “capacidade de resiliencia que posúa cada rexión”, mais tamén e “sobre todo, nas iniciativas a prol de reorientar o tecido produtivo (mellorando a produtividade) incentivando o coñecemento (para mellorar a competitividade) e facilitar instrumentos que simplifiquen os procedementos administrativos”, conclúe Laxe.