
As inscricións están abertas ata o 10 de outubro e poden realizarse a través do formulario da web
Ourense acollerá o 25 de outubro o Hackathon – Laboratorio de Ideas para Repensar o Turismo, organizado pola Deputación de Ourense e o proxecto europeo POST (Polycentric Sustainable Tourism), liderado polo Eixo Atlántico. O obxectivo do evento é propoñer solucións para conseguir un turismo sostible, dixital e conectado co territorio.
Participantes e formato
O Hackathon contará con 25 participantes: mozos talentos, startups, profesionais do turismo e axentes locais, que traballarán en equipos durante dúas fases:
- Fase en liña: do 13 ao 24 de outubro, con formación, mentoría e traballo en equipo.
- Fase presencial: 25 de outubro na Universidade de Vigo – Ourense.
As persoas inscritas traballarán en cinco áreas principais, cada unha orientada a xerar solucións innovadoras para o turismo:
- Rutas intelixentes e multiexperiencia: creación de itinerarios que integren distintas actividades e servizos, optimizando a experiencia do visitante.
- Gamificación cultural e rural: deseño de dinámicas e xogos que fomenten a participación en actividades culturais e rurais.
- Mobilidade verde e accesible: propostas para facilitar desprazamentos sostibles e accesibles dentro do territorio.
- Pasaportes territoriais e recompensas dixitais: sistemas que incentiven a exploración do territorio mediante beneficios e recoñecementos dixitais.
- Resiliencia fronte ao cambio climático e recuperación da paisaxe: solucións que promovan a adaptación ao cambio climático e a conservación do contorno natural e paisaxístico.
Premios
- Ata 1.500 € en premios
- Mentoría con expertos en turismo, sustentabilidade e tecnoloxía
- Presentación dos proxectos ante un xurado profesional
O Hackathon forma parte do proxecto europeo POST, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico que lidera Eixo Atlántico e que, en cooperación con outras 9 entidades de Galicia, Portugal, Irlanda e Francia, busca xerar un modelo de turismo máis sostible, que alivie a presión nos territorios máis visitados, vele polo benestar dos residentes (ademais do dos turistas) e favoreza a cohesión territorial en toda a área atlántica.
Máis información: https://post-interreg-atlantico.eu/