
O evento deportivo xuntará a máis de 2000 participantes de Galicia e do Norte de Portugal
A alcaldesa de Santiago de Compostela deu a benvida este xoves aos representantes dos municipios do Eixo Atlántico na reunión do Grupo Temático de Deporte, na cal foi presentada a candidatura para acoller os XVI Xogos do Eixo Atlántico. Durante o encontro, tamén se gardou un emotivo minuto de silencio en lembranza de Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo e Vicepresidenta da Mesa da Asemblea do Eixo Atlántico, quen faleceu recentemente.
Durante a reunión presentouse a memoria da última edición dos Xogos do Eixo Atlántico, celebrada entre o 30 de xuño e o 5 de xullo de 2024 nas cidades de Braga e Vila Nova de Famalicão. Estes xogos superaron as expectativas tanto organizativas como de participación, con 2.378 persoas inscritas, entre atletas, responsables municipais e equipos técnicos, de 27 cidades pertencentes ao Eixo Atlántico.
Santiago de Compostela acollerá a XVI edición deste evento deportivo. Os Xogos do Eixo Atlántico celebraranse do 5 ao 10 de xullo de 2026, cuxa candidatura foi aprobada por unanimidade polo Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico. A concelleira Pilar Lueiro foi a encargada de presentar a candidatura, que foi valorada de maneira extremadamente positiva, destacando especialmente a súa calidade e viabilidade para albergar este evento de gran envergadura internacional.
Ademais, durante a xuntanza presentáronse as memorias de diversos torneos realizados, entre os que se inclúen:
- II Torneo de Boccia DI: Celebrouse o 28 de setembro de 2024 en Vila Nova de Famalicão. Este torneo, que contou con máis de 200 participantes de 33 equipos de 12 municipios, destacou pola súa inclusión de actividades de formación para profesores e adestradores de deporte adaptado.
- IV Torneo de Taekwondo: Celebrouse o 7 de decembro de 2024 en Vila Nova de Gaia, no que participaron 193 participantes de 8 municipios e foi realizada por primeira vez unha demostración de Taekwondo Adaptado, permitindo aos participantes coñecer a aplicación desta disciplina no ámbito adaptado.
- I Torneo de Baloncesto en Cadeira de Rodas: Realizouse os días 8 e 9 de febreiro de 2025 en Vila Nova de Gaia, no torneo no que participaron APD Braga, BC Gaia e Abeconsa Basketmi de Ferrol. Este torneo destacou pola súa dimensión inclusiva e a emoción do deporte adaptado.
A xuntanza concluíu coa proposta do Presidente do Grupo Temático de trasladar á Secretaría Xeral unha serie de cambios que permitirán a continuidade e o crecemento dos Xogos, asegurando que sigan sendo accesibles para as cidades participantes e organizadoras, sen perder a súa esencia social e inclusiva.