Skip to main content

Os Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán en Braga, apuntan a un éxito de participación

Os Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán en Braga, apuntan a un éxito de participación

Celebraranse na cidade portuguesa entre os días 7 e 12 de xullo

A XIII edición dos Xogos do Eixo Atlántico celebraranse no mes de xullo na cidade portuguesa de Braga sucedendo a Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, que foron sede na última edición celebrada do 4 ao 9 de xullo de 2017.
A cerimonia de traspaso da bandeira dos Xogos do Eixo Atlántico tivo lugar no mes de xullo do pasado ano onde Ricardo Río, alcalde de Braga, reiterou o forte compromiso da cidade coa organización desta competición, que “asúmese como unha oportunidade de aproximar os pobos, mostrar o talento da mocidade e a dinámica deportiva e asociativa dos municipios”. Desde a súa orixe esta competición é unha das principais bandeiras do Eixo Atlántico e un factor de gran mobilización de mozos deportistas.
Ricardo Rio manifestou nos últimos días a súa intención de manter a calidade da organización e implicar aínda máis á poboación do municipio e de toda a Eurorrexión para dar un colorido e visibilidade extra á competición.
Desde 1995 os Xogos do Eixo Atlántico están dirixidos á promoción do deporte, á convivencia entre os mozos e, tamén ao mellor coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións. Realízanse de dous en dous anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa, cunha participación superior aos 1500 atletas.
Nesta ocasión participarán máis de 1800 mozos, moi preto do récord de participación, inscritos nas seguintes modalidades deportivas:
Balonmán, Baloncesto, Fútbol 7, Voleibol, Atletismo, Atletismo Adaptado. Natación, Natación Adaptada e Tenis.

Deporte adaptado
Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra varias modalidades de deporte adaptado, coa participación de máis de 70 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación de todos os mozos.

Cidades
As cidades que participarán en Braga son por GALICIA:
O Barco                                               Monforte de Lemos
Santiago de Compostela               Lugo
Carballo                                              Sarria
Ourense                                             Vilagarcía
Vigo                                                     O Carballiño

Por PORTUGAL
Porto                                                    Guimarães
Valongo                                              Matosinhos
Viana do Castelo                             Eurocidade Chaves-Verín
Famalicão                                          Santa Maria da Feira
Vila Nova de Gaia                           Maia
Braga                                                 Barcelos
Bragança                                          Peso da Régua
Vila Real