Os deputados galegos do PSOE defenderán no Congreso as infraestruturas ferroviarias que demanda o Eixo Atlántico
Pilar Cancela comprométese a defender a Saída Sur de Vigo e a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado
A coordinadora do Grupo do PSdeG-PSOE no Congreso dos Deputados, Pilar Cancela e o secretario xeral do Eixo Atlantico, Xoán V. Mao, mantiveron unha reunión esta mañá na sede da entidade transfronteiriza na que analizaron, entre outras cuestións, o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado e o seu impacto na Eurorrexión.
Vázquez Mao trasladou á deputada algunhas das principais demandas do Eixo Atlántico entre as que se atopan a posta en marcha da Saída Sur de Vigo (ferrocarril) e a modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, nas variantes Peares Canabal e Rubián, cuxa electrificación xa foi posta en marcha polo Ministerio. Pilar Cancela comprometeuse a defender ante o Goberno a inclusión destas dúas infraestruturas no proxecto dos Orzamentos.
Cancela afirmou que é hora de pór en valor o traballo do Eixo Atlántico, “non só neste momento, senón ao longo da súa extensa traxectoria” na defensa dos intereses da eurorrexión. A deputada galega anunciou o inicio dunha colaboración permanente entre os deputados galegos no Congreso, que coordina, co Eixo Atlántico para canalizar as necesidades reais das cidades e os cidadáns e facelas ouvir con maior forza no Congreso español.
Pola súa banda, o secretario xeral de Eixo Atlántico, Xoán V. Mao, agradeceu a iniciativa da portavoz socialista de crear esta canle de comunicación permanente “que nos permitirá vehiculizar as necesidades das cidades e os cidadáns dunha maneira máis efectiva ao Congreso dos deputados, onde se toman as decisións fundamentais en investimentos, orzamentos e infraestruturas”.