O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, intervirá no Foro Cidadán polo Ferrocarril

O 1 de abril ás 19:30 h no Ateneo Ferrolán, celébrase un espazo aberto para esixir a modernización das liñas Ferrol-A Coruña e Ferrol-Ribadeo
Cerca dunha decena de entidades de Ferrol e comarca presentaron onte o Foro Cidadán polo Ferrocarril, unha iniciativa que busca poñer fin á “situación de abandono” que sofre a rexión en canto á súa infraestrutura ferroviaria. Durante o acto, celebrado no Ateneo Ferrolán, os responsables da plataforma adiantaron os detalles dos actos programados para mobilizar tanto á sociedade como aos responsables políticos, co obxectivo de lograr melloras urxentes nas comunicacións ferroviarias da zona.
O Foro Cidadán polo Ferrocarril organizará tres conferencias ao longo do mes de abril. A primeira delas terá lugar o 1 de abril ás 19:30 horas no mesmo Ateneo Ferrolán, e contará coa intervención de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico. A segunda conferencia será o 11 de abril, tamén ás 19:30 horas, no centro cívico de Canido, e contará coas intervencións da historiadora Esperanza Piñeiro e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto. A última das conferencias celebrarase o 24 de abril ás 19:30 horas no antigo Hospicio, onde o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Pazos Outón, pechará o ciclo.
O Foro Cidadán polo Ferrocarril subliña que “non nos resignamos á marxinalidade” e pon de manifesto a necesidade urxente de modernizar as infraestruturas ferroviarias. No seu comunicado, recalcan a importancia de dispoñer dun sistema de transporte ferroviario moderno que acorte os tempos de viaxe entre Ferrol e A Coruña, ademais de conectar o tren co porto e co Corredor Atlántico de Mercancías e mellorar a liña de FEVE entre Ferrol e Ribadeo, para satisfacer tanto as necesidades sociais como económicas da rexión.
A plataforma insta á cidadanía a unirse a esta loita por unhas infraestruturas ferroviarias de calidade e a participar activamente nas actividades programadas para sensibilizar sobre esta cuestión fundamental para o desenvolvemento de Ferrolterra.