O secretario xeral do Eixo Atlántico lamenta que os orzamentos do Estado fracturen a Eurorrexión
Contrasta co apoio do Goberno de Portugal á Rexión Norte
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, manifestou a súa profunda decepción e malestar polo impacto “moi negativo” que os Orzamentos Xerais do Estado terán para a vertebración da eurorrexión Galicia- Norte de Portugal e a súa consecuente perda de competitividade no escenario europeo, nun momento en que Europa está a apoiar e promovendo tanto as eurorrexións, como as macrorrexións que xogarán un papel determinante nos próximos repartos de fondos europeos.
Estes orzamentos, afirma, non contemplan nin un só euro para a saída Sur de Vigo (ferrocarril) o que, ademais, resta masa crítica á sustentabilidade do AVE galego que seguirá sen poder ser o AVE do Norte de Portugal.
En contrapartida, o Goberno de Portugal ademais da electrificación e modernización da Liña do Miño até Valença, que xa se atopa en execución e coa previsión de finalizala no primeiro trimestre de 2020, integrou no Plan Nacional de Investimentos (PNI) a conexión ferroviaria da citada Liña do Miño co aeroporto Sá Carneiro e a construción en Vila Nova de Famalicão da maior terminal ferroviaria de carga da Península, asinado onte polo ministro de Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques.
O citado PNI contempla melloras substanciais para o porto de Viana do Castelo, con 90 millóns de euros para convertelo non só nunha gran terminal de carga, senón tamén, en destino prioritario de cruceiros. Pola súa banda, o porto de Leixões (Matosinhos, área do Porto) recibirá investimentos por valor de 379 millóns de euros destinadas a aumentar a súa capacidade operativa.
A visión estratéxica e a aposta pola rexión Norte e pola eurorrexión do goberno de Portugal, contrasta co trato a Galicia por parte do goberno de España, que se reflicte claramente nas cifras dos tráficos de portos e aeroportos e dos investimentos en novas industrias.
Esta situación enmárcase no enfraquecemento xeneralizado da franxa atlántica ibérica, fronte á mediterránea, cunha elevada taxa de despoboamento, o que leva a unha situación de alerta vermella no crecemento demográfico. Ademais, a ausencia de investimentos nunhas liñas ferroviarias obsoletas, como estamos a ver reiteradamente no caso de Estremadura, e unha falta de conexións de transportes con Portugal, limitan as posibilidades de crecemento da parte española da fachada atlántica.
Neste sentido, Xoán Vázquez Mao lembra que é urxente sacar a exposición pública o Estudo Informativo da Saída Sur ferroviaria de Vigo para poder incluír a obra nos orzamentos do Estado de 2020, obra que ademais, pode obter un financiamento europeo do 50%.
O secretario xeral do Eixo Atlántico lembra que a responsabilidade da aprobación ou modificación dos Orzamentos é dos deputados do Parlamento español, aos que fai un chamamento para que defendan os intereses de Galicia e, por tanto, forcen ao Goberno a desbloquear a Saída Sur de Vigo, proposta que foi aprobada por unanimidade dos 35 concellos que integran o Eixo Atlántico.