Subliña que, a Comisión Europea ten amplas áreas e competencias desde a que influír na súa promoción e desenvolvemento polo que solicita unha Comisión específica, a pesar de que os estados se reservan competencias en materia de turismo
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao xunto con, a directora de Estratexia Europea da entidade, Marta Cabanas Cal, atópanse na cidade romanesa de Satu Mare, fronteira con Hungría, nunha reunión para impulsar o Turismo de Fronteira (2 países 1 Destino) en Europa, reunión que é continuación da celebrada no mes de maio pasado en Braga, onde se lanzou o concepto de Turismo de Fronteira.
Esta reunión en Romanía, á que asistiu o presidente do County Council de Satu Mare, Pataki Csaba, ten carácter previo á que manterán as 8 fronteiras europeas que desenvolven este proxecto europeo, no que participan 16 países, a celebrar en Bruxelas no mes de novembro con eurodeputados destes países e con responsables da Comisión Europa, o Comité das Rexións e a Representación Permanente destes países ante a Comisión Europea.
Nunha carta que se enviará o próximo día 1 de novembro á presidenta da Comisión, unha vez tome posesión do seu cargo, o Eixo Atlántico solicítalle a creación da Comisión de Turismo dado o peso que ten este sector no PIB europeo.
Aínda que os estados quixeron reservarse competencias en materia de turismo, afirma, “a Comisión ten competencias desde a área de Mercado Interior determinantes para o desenvolvemento de sector turístico tales como o roaming, no seu día, cuxa desaparición impulsou o Eixo Atlántico ou os problemas loxísticos no aluguer de vehículos nun país e a súa devolución noutro”.
Pero tamén outras áreas da Comisión Europea teñen competencias na materia, como o termalismo, a conservación e promoción do patrimonio natural e a conservación do patrimonio cultural, artístico e monumental, “elementos todos eles determinantes para impulsar novos produtos e mercados turísticos”, subliña Xoan Mao.
Neste sentido, o Eixo Atlántico promove a creación dunha liña orzamentaria en Europa para impulsar este tipo de medidas e a promoción do Turismo de Fronteira en Europa xa que, actualmente, toda a promoción e loxísticas están centralizadas nas grandes capitais: aspectos tan básicos como as conexións aéreas ou a publicidade dos destinos en España realízana os concellos e as Comunidades Autónomas.
Un exemplo de éxito de políticas turísticas coordinadas é o Camiño de Santiago cuxo éxito radica, fundamentalmente, no traballo que Galicia e as Comunidades polas que discorre, levan anos realizando, e que só nos últimos anos conta co apoio do goberno central. No caso de Portugal o Camiño só foi conservado grazas ao apoio dos concellos polos que transcorre.