Nesta reunión traballouse para establecer unha proposta de data para a VII Mostra Musical, que inicialmente estaba prevista para maio de 2020, e que tivo que ser adiada por mor da pandemia. Propúxose trasladar a data para principios de maio de 2022. O Secretariado seguirá traballando para volver organizar esta VII edición. Os municipios do Eixo poderán inscribir os seus novos talentos a principio de 2022 e espérase poder contar coa grande participación das edicións anteriores.
Tamén abordaron as posibles temáticas para o V Seminario de Intercambio Experiencias no Ámbito da Educación. Saíron a debate temas como a educación ambiental, a educación patrimonial ou a saúde mental, referíndose ós efectos da educación a distancia e da pandemia en xeral.
O V Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación, está previsto para a primavera de 2022 de forma presencial. Proximamente abrirase o proceso de candidatura para poder acoller a celebración do mesmo.
En relación á celebración da II edición dos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico, tentando continuar co éxito e boa acollida da primeira edición, o Secretariado está traballando para poder levalos a cabo durante o curso 2021-2022, garantindo a seguridade dos pequenos, e que poidan desfrutar desta actividade tan enriquecedora.