O proxecto EPICAH analizou o Turismo como ferramenta de desenvolvemento conxunto da fronteira hispano-portuguesa
Celebrado en Maia, produto do proxecto EPICAH, financiado por Interreg Europe, o seminario organizado polo Eixo Atlántico centrouse no rol do turismo como sector crave e de oportunidade para a recuperación económica e a fixación de poboación no territorio e, por tanto, da conveniencia de ser considerado unha prioridade que o próximo programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal
Tal e como moitos dos oradores manifestaron, o seminario organizado polo Eixo Atlántico non se tratou dunha xornada máis senón dun debate amplo e compartido sobre un dos mellores programas de cooperación transfronteiriza de Europa. Un debate que, ademais, chega nun contexto de recuperación e de intención de pór en valor a fronteira.
O turismo é un sector que sufriu un gran impacto a causa do COVID. Un sector tractor da economía que é preciso re-impulsar no próximo período 21-27. Neste contexto, o próximo POCTEP debe ser un instrumento esencial para promover o desenvolvemento económico, social e territorial armonioso entre España e Portugal, e en particular do territorio de fronteira que ambos comparten. Porque a cooperación faise a partir dos territorios, a redución das asimetrías locais pero, sobre todo, a partir de mellorar o benestar dos cidadáns. Por iso o POCTEP, que é a ferramenta máis importante da que dispón a fronteira para a súa dinamización, debe centrarse en profundar na proximidade cultural e en reforzar o importante patrimonio natural que existe no seu territorio.
O seminario tivo un forte compoñente analítico sobre como o POCTEP actualmente en vigor apoiou e apoia ao turismo e a todos os sectores a el ligados. Pero tamén tivo a oportunidade de pór a vista no futuro, sobre o POCTEP 21-27 que se centrará en conseguir un territorio máis verde, máis social e máis próximo aos cidadáns.
Os tempos cambiaron. A crise económica e a pandemia foron modificando o escenario no que debemos actuar. Xa se superou o momento de falar de cooperación transfronteiriza. Agora o que toca é falar de desenvolvemento local conxunto, de especialización das organizacións e de como garantir que todos os tipos de entidades poden contribuír, de maneira complementaria, a construír o territorio.
O POCTEP é un dos programas de cooperación máis avanzados, agora a cuestión é como dar un paso adiante. Como pasar da estratexia aos produtos concretos e como capitalizar e pór en valor todo o investimento, de recursos e esforzo, realizada até agora. Por este motivo, un das principais mensaxes lanzadas é que debe ser necesario garantir, no próximo período, a existencia de estratexias previas que sustenten as accións propostas. Estratexias, doutra banda, que deberían ser compartidas por todo o territorio, considerando este como un todo, e non apenas dúas metades; promocionando o territorio fronteirizo como unha única oferta máis forte, atractiva e competitiva.
Tal e como se apuntou na mesa de peche do seminario: ?as crises potencian oportunidades?. É por iso que debemos ver ao turismo como un sector de paz, capaz de facer traballar xuntos a todos os actores implicados nel, capaz de aliñar posicións, de fixar poboación e de dar visibilidade e novas oportunidades ao territorio. Tendo isto en conta, é momento de porse ao choio para que a intención declarada de promover o turismo sustentable, de natureza, baseado no patrimonio cultural e o turismo de proximidade non quede só no discurso.
O turismo fai que a fronteira unha máis aos nosos territorios. É necesario construír un branding conxunto que apontoe unha forte oferta turística no territorio de fronteira. É hora de dotar de relato á multitude de recursos patrimoniais e culturais que existen no territorio, de maneira que se poidan crear rutas e produtos que se promocionen conxuntamente.
Traballar xuntos de maneira coordinada e unida, esa é a clave apuntada, tanto para o desenvolvemento do turismo como do futuro POCTEP.