Skip to main content

O proxecto EPICAH analizou a Cultura como motor dun novo modelo económico de desenvolvemento sustentable

O proxecto EPICAH analizou a Cultura como motor dun novo modelo económico de desenvolvemento sustentable

A capital de Galicia, Santiago de Compostela, acolleu, o pasado 14 de setembro, un seminario organizado polo Eixo Atlántico para clausurar a segunda fase do proxecto EPICAH, financiado por Interreg Europe, que analizou como e por que a cultura supón un potente motor dun novo modelo económico de desenvolvemento sustentable

En formato híbrido, o seminario contou coa presenza do presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio, recentemente galardoado co Premio Mundial ao Alcalde para a Sustentabilidade do concurso que distingue aos mellores alcaldes do mundo, así como do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o Conselleiro de Cultura de Galicia, Román Rodríguez e o Director do Diario de Pontevedra e experto en comunicación, Miguel Anxo Rodríguez. Ademais, o seminario dedicou unha mesa a analizar as impresións e resultados dos socios do proxecto tras a exitosa implementación do proxecto; éxito, por outra banda, recoñecido pola representante do Secretariado do programa, tamén presente na mesa de peche do proxecto.

Unha das principais mensaxes deste debate foi a importancia da comunicación na recuperación económica, no sentido de que a cultura é un sector que se beneficia da difusión de información e da mercadotecnia, polo que se pode concluír que o "consumo" de elementos culturais e patrimoniais depende dunha boa comunicación.

Ademais, expuxéronse cuestións como o progreso das políticas turísticas a nivel da Unión Europea, as principais razóns para ter unha política integrada, os principais obxectivos que debería ter esta política e os seus respectivos instrumentos de apoio. Todo iso tendo en conta as bases da sustentabilidade, a innovación e a inclusión.

Tamén se puideron coñecer os resultados deste proxecto na rexión de Macedonia Occidental, na zona fronteiriza Estonia-Letonia, Francia-Italia e Satu Mare (Romanía). Todos eles, sen excepción, puxeron de manifesto a importancia da cooperación sostida durante o proxecto, as boas prácticas transferidas e implementadas nos seus territorios e, sobre todo, o seu ánimo en continuar a cooperación entre eles máis aló da fronteira marcada pola duración do proxecto. Este último feito revela sen dúbida a importancia de continuar e reforzar os programas de cooperación.

A mesa final contou coa presenza de Camille Milloir, que representou o Secretariado Conxunto de Interreg Europe, e falou sobre os resultados do programa no período 2014-2020, así como a evolución e expectativas na preparación do novo programa para o período 2021-2027.

Finalmente, o debate foi pechado polo Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, quen reiterou o espírito de cooperación entre todos os países involucrados así como a importancia da cultura e o turismo na recuperación económica.