Skip to main content

O presidente e o secretario xeral do Eixo Atlántico reúnense na Habana con autoridades cubanas e institucións europeas para impulsar proxectos conxuntos de cooperación ao desenvolvemento

O presidente e o secretario xeral do Eixo Atlántico reúnense na  Habana con autoridades cubanas e institucións europeas para  impulsar proxectos conxuntos de cooperación ao  desenvolvemento

Durante a visita oficial, o Eixo Atlántico, convidado as autoridades cubanas, asinou un protocolo de colaboración coa Oficina do Historiador para impulsar intercambios entre as cidades do Eixo Atlántico e institucións da Habana

O presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, reuníronse na Habana con autoridades cubanas e institucións europeas para impulsar proxectos conxuntos de cooperación ao desenvolvemento. Isto parte da visita dunha delegación da Oficina do Historiador da Habana, entidade responsable da recuperación e a restauración da Habana Vella, a cidades do Eixo Atlántico no mes de xullo. Baixo a solicitude da delegación, o Eixo Atlántico foi o responsable de organizar os encontros.

A axenda de tres días incluíu reunións co Ministerio de Comercio e o Investimento Estranxeiro, a gobernadora da Habana, o Consello de Administración Municipal da Habana Vella e o presidente da Asemblea Municipal da Habana, entre outros dirixentes. Tamén visitaron os proxectos financiados con fondos europeos na capital cubana.

Durante a visita oficial, asinouse un protocolo de colaboración coa Oficina do Historiador para impulsar proxectos de desenvolvemento e intercambios entre as cidades do Eixo Atlántico e institucións da Habana. A axenda incluíu reunións coa delegación da Unión Europea en Cuba, o coordinador xeral da Cooperación Española en Cuba e co embaixador de Portugal.

O proxecto que o Eixo Atlántico está a liderar na fronteira de Brasil con Uruguai desde fai tres anos, e que supuxo a creación da primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Mercosur, foi referencia en América Latina. Deste xeito, países como Cuba ou Arxentina propuxeron asociarse co Eixo Atlántico en proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

No caso de Cuba, coa que existe un vínculo histórico especial para Galicia, exponse un intercambio tanto no ámbito da contribución da recuperación da Habana Vella, como ao desenvolvemento e das actuacións contidas na mesma: sustentabilidade, mobilidade, descarbonización, economía e cohesión social.

Situación política en Cuba

Cuba vén sufrindo desde hai máis de 50 anos un bloqueo que afecta gravemente á súa economía e, por tanto, aos recursos necesarios para a recuperación de centros históricos ou ao desenvolvemento de políticas impulsadas por organizacións internacionais tan necesarias como custosas. Durante o mandato de Barack Obama realizáronse os primeiros pasos de suspensión ao bloqueo en paralelo a un aperturismo no ámbito político polas autoridades cubanas. Co mandato de Trump viviuse un retroceso notable neste ámbito, pero ao cal, a evolución da historia indica que esta situación non debería perdurar moito no tempo.

Por iso, o ámbito de colaboración establece a idoneidade de ir avanzando políticas conxuntas de desenvolvemento que axuden a preparar a Cuba para afrontar os desafíos nunha etapa nova cando desapareza o bloqueo e os vetos existentes.

En opinión do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, Galicia e o Norte de Portugal deben de ser valedores de Cuba ante a Unión Europea para favorecer o desenvolvemento social e económico. “O elevado nivel dos nosos investigadores e expertos, e o avanzado nivel tecnolóxico das empresas do Norte de Portugal e Galicia, avalado polo seu alto índice exportador, constitúe recursos de primeiro nivel que deben de implicarse no desenvolvemento futuro de Cuba”, engadiu.

Así mesmo, Cuba é un país que soubo sobrevivir en circunstancias adversas e que alcanzou un elevado nivel en áreas tan sensibles como a sanidade, a educación ou a cultura, áreas nas que tamén poden achegar o seu coñecemento as cidades do Eixo Atlántico. Como primeiros resultado destas viaxes, propúxose á Comisión Europea e á Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) un programa de cooperación financiado por fondos da Unión Europea e que será presentado nos próximos meses.

Audios de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico: