O presidente do Eixo reunirase co delegado do Goberno o día 1 de agosto para impulsar a Saída Sur de Vigo
A saída sur de Vigo cobra maior urxencia coa firma hoxe mesmo do contrato para o inicio das obras de electrificación no último tramo portugués, entre Viana e a fronteira.
O presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, xunto co secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, manterán unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o vindeiro 1 de agosto ás 12 do mediodía na sede da Delegación do Goberno na Coruña.
Na axenda da reunión destaca a revisión dos temas de infraestruturas que o Eixo Atlántico defende en proxectos xa iniciados para que non sufran retrasos, como é o caso da electrificación da vía férrea Lugo-Ourense coas variantes de Rubián, Peares-Canaval e Monforte, que posibilitarán a chegada do AVE a Lugo; a A-76 entre O Barco, Monforte e Ourense, que constitúe a metade da autovía entre Lugo e Ourense; o Corredor Atlántico, recentemente aprobado pola Comisión Europea entre A Coruña e Palencia a través de Vigo, Ourense e Monforte; a entrada en Ourense do AVE e a Saída Sur de Vigo.
Precisamente, a saída sur de Vigo cobra maior urxencia coa firma hoxe mesmo do contrato para o inicio das obras de electrificación no último tramo portugués, entre Viana e a fronteira.
Dado o perfil político do Delegado do Goberno e o feito de ter sido membro do Eixo Atlántico durante a súa etapa como alcalde de A Coruña, o obxecto da reunión é implicalo activamente na defensa destas infraestruturas ante o goberno que representa e pedirlle que asuma a defensa dos intereses de Galicia ante o Goberno central, visto o baleiro existente por parte da Xunta de Galicia, a cuxo presidente se lle ten pedido reiteradamente que defenda a Saída Sur de Vigo nas súas reunións co presidente do Goberno, o que non consta que fixera, nin con Mariano Rajoy, nin Pedro Sánchez.