Skip to main content

O prazo para a participación dos artistas na XII Bienal de Pintura remata o 14 de setembro

O prazo para a participación dos artistas na XII Bienal de Pintura remata o 14 de setembro

En apenas unha semana (14 de setembro) pecharase o prazo para a recepción das obras dos artistas que desexen participar na XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. Poderán concorrer ao certame todos os artistas da Eurorrexión cunha única obra de pintura orixinal e inédita que non fora exposta nin presentada con anterioridade a ningún outro certame ou concurso.

 

Toda a información necesaria para participar no certame atópase na web www.bienalpinturaeixoatlantico.com

 

Unha vez pechada a recepción das obras, o Xurado seleccionará as 30 propostas finalistas que configurarán o catálogo dixital do premio e constituirán a colección itinerante para as sucesivas exposicións que, terán lugar en cidades galegas e portuguesas pertencentes ao Eixo Atlántico.

 

O fallo do xurado farase público o día da inauguración da exposición, cando tamén se fará entrega dos premios aos galardoados.

 

Premios

Concederase un premio Eixo Atlántico á mellor obra do certame, cun valor de 3.000 euros e dous segundos premios de 1.500 euros cada un, á mellor obra de autor portugués e á mellor obra de autor galego respectivamente.

Igualmente concederase o premio “Novos Talentos Luso – Galaicos” para novos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos, inclusive, cun valor de 1.500 euros.

Ademais, editarase un catálogo de tirada limitada con todas as obras seleccionadas que ademais poderá ser descargado na páxina web do Eixo Atlántico ou a través dun código QR que estará dispoñible nos lugares de exposición.

A Bienal de Pintura é organizada polo Eixo Atlántico, coa colaboración das entidades Fundación da Xuventude e Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

 

Mostra pictórica transfronteiriza

A Bienal de Pintura nas súas doce edicións converteuse durante estas dúas décadas de vida nunha das tres con máis participación da Península Ibérica e unha referencia a nivel europeo porque é a única mostra pictórica de carácter transfronteirizo que pon en valor a creación cultural dos artistas de dous países distintos desde a perspectiva da promoción dos territorios creativos e da industria cultural.

 

Durante este tempo a mostra deu a coñecer artistas que hoxe xa son unha referencia no ámbito cultural como é o caso de Berta Álvarez Cáccamo, Pedro Proença ou José Luis Otero, e tamén serviu de plataforma de lanzamento para novos artistas que nunca tiveran a posibilidade de dar a coñecer as súas obras a través da exposición itinerante que percorre quince cidades da Eurorrexión.

 

As obras gañadoras de cada edición quedan en propiedade do Eixo Atlántico, co que se está configurar unha colección que reflexa a creación pictórica da Eurorrexión durante estas últimas dúas décadas e que se prevé sexa aberta ao público en algunha das cidades do Eixo.