Skip to main content

O Plan de Acción da Axenda Urbana supera a súa última fase de gobernanza antes da súa aprobación política

O Plan de Acción da Axenda Urbana supera a súa última fase de gobernanza antes da súa aprobación política

Representantes das cidades do Eixo Atlántico mantiveron unha reunión na Cámara Municipal de Matosinhos

A Axenda Urbana do Eixo Atlántico avanza na súa posta en marcha tras superar hoxe a última fase de gobernanza en Matosinhos, onde os representantes das cidades participaron nunha reunión sobre os contidos do Plan de Acción do documento.

A reunión contou coa presenza da vicepresidenta do Eixo e alcaldesa de Matosinhos, Luísa Salgueiro, xunto co secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao. A explicación máis técnica correu a cargo de José Soeiro e Luís Domínguez, coordinadores do documento, que informaron aos asistentes dos detalles dos traballos levados a cabo para a posta en marcha efectiva das determinacións da Axenda Urbana.

Este encontro, que tivo lugar na Cámara Municipal de Matosinhos, supón a última fase de gobernanza do Plan de Acción do Eixo Atlántico, antes da súa aprobación definitiva por parte da asemblea xeral do Eixo Atlántico.

A axenda urbana e o seu plan de acción

O Eixo Atlántico elaborou unha Axenda Urbana para o Sistema Urbano da Eurorrexión, a primeira transfronteiriza da UE. Esta enfócase como unha estratexia de desenvolvemento urbano coordinado para todas as cidades da Eurorrexión, de maneira que avancen todas -aínda que cada unha ao seu ritmo e segundo as súas prioridades - cara a unha mesma dirección, xerando sinerxías e complementariedades que permitan o desenvolvemento do territorio Galicia-Norte como un todo.

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal configúrase como a máis dinámica e estable dentro de Europa, un dinamismo que sen dúbida contribuíu ao seu fortalecemento pero tamén xerou unha serie de dificultades para o desenvolvemento desta eurorrexión, que constitúe a terceira área urbana da Península Ibérica.

Esta puxante área atópase con problemas de mobilidade, como é o déficit na rede ferroviaria e a coordinación entre portos e aeroportos ou dificultades no ámbito da política industrial.

O plan de acción da Axenda Urbana inclúe os instrumentos para conseguir os obxectivos acordados. Achega claves ás autoridades públicas e a sociedade civil, sen ser imperativo en ningún caso. Pero necesita a implicación activa de todos os actores no seu desenvolvemento e posta en marcha. O seu horizonte espacial vai ser o conxunto da Eurorrexión e, moi especialmente, o seu sistema urbano. Pretende ser un instrumento orientador de políticas públicas.

O plan de acción articúlase en torno o catro prioridades estratéxicas: a cidade do futuro; desenvolvemento e emprego: a Eurorrexión do coñecemento; cohesión territorial e reto demográfico; e espazo eurorrexional, que á súa vez teñen a súa aplicación práctica a través de distintos proxectos piloto que xa están a comezar o seu desenvolvemento.