Skip to main content

O ministro portugués de Infraestruturas abordará a Saída Sur de Vigo co seu homólogo español

O ministro portugués de Infraestruturas abordará a Saída Sur de Vigo co seu homólogo español

Xoán V. Mao e Luísa Salgueiro reuníronse esta mañá en Lisboa con Pedro Marques

A vicepresidenta do Eixo Atlántico, Luísa Salgueiro, alcaldesa de Matosinhos, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, reuníronse esta mañá en Lisboa co ministro de Planeamento e Infraestruturas, Pedro Marques, para presentarlle o segundo paquete de Infraestruturas que o Eixo Atlántico presenta para o próximo período de fondos comunitarios 2021-2028 e influír así no Plan Nacional de Investimentos.

Entre estas propostas ao Goberno portugués inclúese a conexión da liña do Minho (Vigo- Porto) co aeroporto Sá Carneiro e a conexión de Braga coa Liña do Minho, que na actualidade se fai cunha lanzadeira desde Nine, xa que Braga é fin de liña (fondo de saco), actuacións ambas de interese non só para o norte de Portugal senón tamén para Galicia.

Durante a reunión, o Eixo Atlántico solicitou ao ministro que se interesase ante o Goberno español polo saída sur de Vigo xa que ese interese de Portugal é determinante para que Madrid retome esta actuación. Sobre este asunto, Pedro Marques comprendeu perfectamente o interese da obra e os seus obxectivos e comprometeuse a falar co ministro español.

Esta reunión compleméntase coa que o Eixo Atlántico ten pendente de concretar co ministro español de Fomento, José Luís Ábalos. 

A vicepresidenta do Eixo cualificou a reunión de extremadamente cordial e operativa e valorou a receptividade grande do ministro e converxencia de opinións sobre as propostas que cualificou de interesantes e viables.

Luísa Salgueiro tamén explicou que o ministro afirmou que os investimentos en curso tanto na liña do Norte como do Minho reforzarán en pouco tempo as relacións económicas entre Portugal, especialmente o norte, e Galicia.