Skip to main content

O GT de Turismo propón trasladar Expocidades a 2022 celebrando, desta forma, dúas edicións no mesmo ano, unha en Galicia e outra en Portugal

O GT de Turismo propón trasladar Expocidades a 2022 celebrando, desta forma, dúas edicións no mesmo ano, unha en Galicia e outra en Portugal

O venres 30 de abril tivo lugar a reunión do Grupo Temático de Turismo que contou coa participación de 34 dos membros do Eixo Atlántico, incluídos os catro novos cuxa entrada se fixo efectiva a inicios de 2021

Na reunión tratáronse os diferentes eventos relacionados co turismo que estaban programados para este ano, co interese de chegar a acordos para a súa celebración no último trimestre de 2021 ou o seu adiamento para 2022, por motivo da pandemia provocada pola COVID-19.

Así, sempre e cando o valide a Comisión Executiva, a mostra de turismo de proximidade, Expocidades, celebrará a súa VI edición durante o primeiro trimestre do 2022 en territorio galego aínda por definir, e a súa sétima edición terá lugar en setembro de 2022 en Valongo, cidade portuguesa que estaba chamada a acoller o evento este ano e que tivo que adiar o acontecemento pola situación pandémica. Deste xeito, o 2022 viría cunha promoción conxunta do turismo de proximidade da Eurorrexión, entendendo que o sector turístico será un factor chave para o desenvolvemento económico para a saída da crise.

Porén, o evento que si se manterá este ano 2021 será o III Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do Turismo, que terá lugar en diferentes puntos da provincia de Lugo durante os días 11 e 12 de novembro, e que contará cunha visita de estudo previa ó seminario para mostrar prácticas e experiencias innovadoras do turismo da provincia.

Para alén dos eventos, tamén se concretaron novas estratexias do turismo pos-COVID-19, que se materializarán a través da publicación dunha guía de experiencias turísticas que verá a luz en 2022, un estudo sobre o Turismo de Autor para finais de 2021, e a elaboración de catro informes de turismo para os novos membros, nos que se identificarán as oportunidades da zona para a súa posterior posible materialización en estratexias de turismo.