O Grupo Temático de Turismo reuniuse para tratar as cuestións operacionais da VI edición de Expocidades
Expocidades, a mostra de turismo de proximidade, que se tivo que adiar pola pandemia, chega a 2022 coa realización de dúas edicións: unha no mes de marzo en Ferrol e outra no mes de setembro en Valongo
O Grupo Temático de Turismo reuniuse este mércores, día 7 de xullo, para tratar as cuestións operacionais da VI edición de Expocidades e da calendarización da seguinte edición.
Ferrol presentou ós demais membros do Eixo Atlántico a súa proposta para a organización da VI edición de Expocidades. As datas propostas son de venres a domingo, os días 18, 19 e 20 de marzo do próximo ano, coincidindo así coa Festa das Pepitas, un evento cultural con gran tradición. O espazo escollido foi a Praza da Constitución, no centro da cidade ferrolá, cunha oferta diversificada de iniciativas paralelas para visitantes e expositores, esperando que a situación sanitaria sexa máis favorable e permita avanzar coas propostas presentadas.
O Secretario Xeral propuxo volver realizar en Expocidades iniciativas como as bolsas de contratación, nun momento particularmente importante para os axentes de turismo locais das cidades. Estas propostas consisten en encontros entre axencias de viaxes dun lado da fronteira e operadores locais de turismo das cidades do outro, co obxectivo de conseguir ofertas máis diversificadas e de calidade para o turismo de proximidade de ambas rexións. E tamén facilitar o contacto entre produtores vinícolas do territorio de Galicia e do norte de Portugal con estabelecementos de comercio tamén locais, para impulsar o maior coñecemento dos produtos en ambos os lados da fronteira e a súa comercialización.
Os municipios do Eixo Atlántico aprobaron as propostas de calendario presentadas de ambas edicións, e a partir deste mércores comezarán xa a facer as inscricións para estar presentes na Expocidades en Ferrol.
Esta mostra de turismo de proximidade, que se tivo que adiar pola pandemia, chega a 2022 coa realización de dúas edicións: unha no mes de marzo en Ferrol e outra no mes de setembro en Valongo.
